O cinema galego reivindícase en Cineuropa 39

O festival reafirma o seu compromiso coa creación galega e celebra a presenza de novas e consagradas voces

Jaione Camborda recibe este venres o Premio Cineuropa

A coprodución galega Anoche conquisté Tebas, premiada no Festival de Venecia, contará con presentación do equipo do filme

O último traballo de Ángel Santos, Así chegou a noite, clausurará Cineuropa

O Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa 39 chega como unha mostra contundente da vitalidade e complexidade do cinema feito en Galicia. Desde comezos de século, o festival apostou por unha xeración que hoxe define con personalidade propia o mapa do cinema contemporáneo: cineastas como Óliver Laxe, Lois Patiño, Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Margarita Ledo ou Alberto Gracia, todos eles galardoados co Premio Cineuropa, consolidaron un movemento que transformou a relación entre o territorio e a imaxe.

Este ano, o festival distingue a figura de Jaione Camborda, cineasta donostiarra-compostelá que levou o espírito do cinema galego ao máis alto coa súa película O corno, Cuncha de Ouro en San Sebastián 2023, converténdose na primeira directora da contorna estatal en acadar este recoñecemento. Os convites para asistir á gala na que recibirá o Premio Cineuropa están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C. O acto concluirá coa proxección do filme Arima, a súa primeira longametraxe.

A clausura do festival estará protagonizada por Así chegou a noite, o novo traballo de Ángel Santos, cineasta de referencia no panorama galego contemporáneo e a quen o festival segue desde aquela excepcional curta titulada O cazador. O filme, seleccionado na Sección Oficial do Festival de Xixón 2025, narra o illamento e a deriva emocional dun escultor que, ao reencontrarse cunha antiga amante, inicia unha reflexión sobre o desexo, a soidade e a fuxida.

Ademais, dentro da sección Cineastas do presente, participa Anoche conquisté Tebas (2025), do director Gabriel Azorín, unha coprodución galega asinada por Rodrigo Areias, Roi Carballido, Beli Martínez e Carlos Pardo Ros. O filme, rodado en galego, portugués e latín, explora a amizade, o desexo e a memoria a través dun xogo temporal entre dous mozos portugueses e dous soldados romanos. Estreada en Venecia, onde obtivo o Premio Anguía de Ouro ao Mellor Guión e Fotografía.

O programa galego desta edición mantén vivo o diálogo entre as voces pioneiras do chamado Novo Cinema Galego e as novas miradas que recollen o seu legado. Entre as obras máis destacadas figura Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, que chega a Cineuropa tras triunfar en Play-Doc Tui, Intersección e Documenta Madrid. Rodada na Raia galego-portuguesa, a película segue a evolución vital de Mariana, unha nena que medra entre contos, lendas e silencios, nunha historia que aborda o paso do tempo e a perda da inocencia coa delicadeza poética que caracteriza o autor.

Tamén dende unha mirada próxima e persoal, O silencio herdado, de Lucía Dapena, mergúllase na memoria familiar e na dificultade de comunicar o trauma. A directora acompaña a súa avoa Edilia nun diálogo imposible que transforma o silencio nunha forma de encontro, nunha das obras máis sensibles e coidadas do documental galego recente.

A memoria colectiva e a historia política recuperan protagonismo en Crónicas dun non, de Fernando Rodríguez “Peñaño”, que reconstrúe a loita pola insubmisión nos anos noventa a través da súa propia experiencia e das voces doutros protagonistas. O filme combina testemuños e arquivos para devolver luz a unha das máis significativas experiencias de desobediencia civil en Galicia.

Outros proxectos afondan nas relacións entre o persoal e o político, como Grelei raíces no teu lar, de Adriana Páramo, unha peza íntima sobre o regreso á casa familiar, o dó e o desexo de maternidade. Filmada como un diario visual, a película explora a identidade e a reconstrución emocional dunha muller que volve á súa terra para redefinir o seu fogar.

A dimensión histórica e cultural aparece tamén en O meu nome é Camba, de Aser Álvarez, que propón unha viaxe pola vida e a obra do xornalista Julio Camba a través das cidades que marcaron o seu destino —de Bos Aires a Nova York—, combinando biografía, arquivo e reflexión sobre a memoria dun creador esquecido.

O filme 360 curvas, de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, é unha obra coral que reconstrúe as mobilizacións da Fonsagrada de 1991, coñecidas como As Movidas. A través das voces das veciñanzas, o filme recupera un episodio de dignidade colectiva e resistencia rural, evocando a forza dun territorio que se nega a desaparecer.

Completan o programa as longametraxes Lola, de Antonio Caeiro, que reconstrúe a vida dunha moza de quince anos durante a Guerra Civil e a memoria colectiva desa época; e Te separas mucho, de Paula Veleiro, que crea un diálogo íntimo entre pai e filla a través de dúas separacións filmadas trinta anos de diferenza, explorando o que permanece cando o amor se acaba. 

Cineuropa tamén inclúe no panorama internacional galego unha selección de curtametraxes que reflexionan sobre a memoria, a identidade e as emocións humanas. En Ciudá de ladrillo, Carlota Álvarez reconstrúe a memoria dunha aldea do interior de Galicia, revisitando o pasado familiar e as historias das poucas veciñas que aínda permanecen. Pura, de Carmen Méndez, é un retrato íntimo e autobiográfico no que a directora explora a relación coa súa nai e a súa avoa, reconciliándose co lugar e as lembranzas. Algo novo que contar, de Paula Pereira, segue a Xoana, unha adolescente que vive un romance secreto e afronta os medos e as incertezas da súa primeira experiencia amorosa. Finalmente, en Danza propia, Andrea Zapata-Girau reflexiona sobre como as experiencias táctiles moldean as relacións humanas, centrando a cámara en mulleres cuxa vida profesional implica contacto físico e emocional, nunha exploración do material humano, a familia e o ancestral.

O festival continúa así a súa traxectoria como espazo de acompañamento, reflexión e visibilidade para o cinema galego, comprometido coa súa diversidade estética, política e xeracional. O Panorama Audiovisual Galego consolídase como un espello da creatividade dun país que converteu o cinema nun territorio de exploración, memoria e resistencia, confirmando que Galicia é hoxe un dos lugares máis fértiles do cinema europeo contemporáneo.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

 

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.