Alugueiro de salas

O Auditorio de Galicia inaugurouse o 20 de outubro de 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia e convertelo no centro, por excelencia, para a recepción das manifestacións culturais que a cidade xera, e así mesmo converteuse en punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia. Este recinto polivalente, cun suxestivo espazo arquitectónico proxecto de Julio Cano Laso, participa dunha situación intermedia entre o urbano e o paisaxismo natural, no que se expresa a intención de exaltar os grandes muros de pedra como valor intemporal da arquitectura galega, constante en todo o edificio, que se acrecenta co contraste e brillo das galerías acristaladas, rodeado de amplas zonas verdes e un lago artificial. Grazas ao extraordinario deseño acústico de Lothar Cramer permitiu desenvolver en condicións inmellorables, ao longo destes máis de 30 anos, unha intensa e rica actividade cultural que inclúe ópera, teatro, danza, concertos, exposicións, etc.

O Auditorio de Galicia está na Avenida do Burgo das Nacións, s/n, C.P.:15705, Santiago de Compostela. O teléfono é 981 55 22 90. 

Está aberto todos os días do ano (agás o 25 de decembro e o 1 de xaneiro) de 8.00 a 22.00h.

Pódense alugar salas de diferentes espazos e características: a Sala Ángel Brage (968 butacas+10 CR), a Sala Mozart (232 butacas+2 CR), a sala Circular (para 70 persoas) ou as salas auxiliares (para 35).
[CR: espazos para cadeiras de rodas]

Correo electrónico para reserva de salas: salas@auditoriodegalicia.org