Auditorio de Galicia

O Auditorio de Galicia inaugurouse o 20 de outubro de 1989 coa vontade de consolidar a oferta cultural da capital de Galicia e converterse no centro, por excelencia, para a recepción das manifestacións culturais que a cidade xera e en punto de referencia obrigada para a cultura musical e artística de Galicia.

Este recinto polivalente, cun suxestivo espazo arquitectónico proxecto de Julio Cano Lasso, participa dunha situación intermedia entre o urbano e o paisaxismo natural, no que se expresa a intención de exaltar os grandes muros de pedra como valor intemporal da arquitectura galega, constante en todo o edificio, que se acrecenta co contraste e brillo das galerías acristaladas, rodeado de amplas zonas verdes e un lago artificial. Grazas ao extraordinario deseño acústico de Lothar Cramer permitiu desenvolver en condicións inmellorables, ao longo de máis de 30 anos, unha intensa e rica actividade cultural que inclúe ópera, teatro, danza, concertos, exposicións, etc.

O Auditorio de Galicia está na Avenida do Burgo das Nacións, s/n, C.P.:15705, Santiago de Compostela. O teléfono é 981 55 22 90.

Está aberto todos os días do ano (agás o 25 de decembro e o 1 de xaneiro) de 9.00 a 20.00h.