As ditaduras silenciadas protagonizan a xornada deste mércores en Cineuropa 39

Cineuropa recupera a memoria das ditaduras latinoamericanas a través do documental Bajo las banderas, el sol, gañador do Premio da Crítica (Fipresci) na Berlinale 2025
 

Cineuropa dedica mañá mércores unha das súas sesións máis intensas á memoria e á reflexión sobre as ditaduras esquecidas, aquelas que, por razóns xeopolíticas, non recibiron a visibilidade internacional que mereceron. A actividade inclúe a mesa de debate “As ditaduras silenciadas” e a proxección do filme Bajo las banderas, el sol (2025), dirixido polo cineasta paraguaio Juanjo Pereira, quen participará no encontro. A mesa será moderada por José Luis Losa, director do festival.

Estreada mundialmente na pasada edición da Berlinale, Bajo las banderas, el sol permitiu o acceso a un valiosísimo arquivo de imaxes inéditas de Alfredo Stroessner, o ditador que gobernou Paraguai entre 1954 e 1989. O filme, premio da crítica en Berlín, afonda na maquinaria oculta dun réxime que se estendeu durante máis de tres décadas e que, malia a súa lonxitude e brutalidade, ficou á marxe da atención mediática internacional, eclipsado polas ditaduras de Perú, Bolivia ou polos países integrados no chamado Plan Cóndor —Brasil, Uruguai, Arxentina e Chile— promovido desde o goberno estadounidense de Richard Nixon.

O traballo de Juanjo Pereira rescata esa memoria amarelada polo tempo, poñendo rostro e imaxes a un período histórico tantas veces invisible. Sen esta película —e sen a existencia dunha obra literaria de referencia como “Yo, el Supremo” de Augusto Roa Bastos—, a figura de Stroessner seguiría confinada á sombra.

Outras proxeccións destacadas da semana

Entre as citas máis esperadas destes días figura Le mage du Kremlin (O mago do Kremlin), de Olivier Assayas, adaptación da novela de Giuliano da Empoli que reconstrúe a caída da Unión Soviética e o nacemento da nova Rusia. O filme, con Jude Law no papel de Vladimir Putin e Paul Dano como Vadim Baranov —un Maquiavelo moderno—, compuxo unha das obras máis aclamadas da pasada Mostra de Venecia.

O cinema francés estará tamén presente con La Danse des Renards (O baile dos raposos), de Louise Courvoisier, Premio Europa Cinemas Label e Premio SACD na Quincena de Cineastas de Cannes; e Reflet dans un diamond mort (Reflexo nun diamante morto), dos realizadores Hélène Cattet e Bruno Forzani, unha homenaxe visual ao policial europeo dos setenta protagonizada por Fabio Testi.

Completando a programación, o festival proxectará O agente secreto, de Kleber Mendonça Filho, gran triunfadora en Cannes cos premios á Mellor Dirección, Mellor Actor (Wagner Moura) e FIPRESCI. Ambientada no Recife de 1977, durante a ditadura militar brasileira, a película propón unha desacralización da figura do revolucionario profesional, transformándoo nun heroe ambiguo atrapado entre o idealismo e a rutina.

Cineuropa continúa así a súa 39ª edición afondando na capacidade do cinema para iluminar as zonas esquecidas da historia e para celebrar a arte como espazo de liberdade, memoria e resistencia. A programación completa pode consultarse no catálogo dixital do festival.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.