A folga de actores e actrices de 1975 centra a fin de semana de Cineuropa 39

O festival recupera un episodio clave da memoria laboral e cultural do Estado a través dunha mesa de debate e da proxección do filme Siete días de enero (1979), de Juan Antonio Bardem
A cineasta Jaione Camborda recolle o segundo Premio Cineuropa este venres ás 20 horas no Teatro Principal
Esta fin de semana poderanse ver os últimos filmes de Paolo Sorrentino, Richard Linklater ou François Ozon
 

A 39ª edición de Cineuropa dedica este sábado unha das súas sesións á memoria das loitas laborais e culturais que marcaron o final da ditadura franquista. A actividade inclúe a mesa de debate “A folga de actores e actrices de 1975” e a proxección posterior do filme Siete días de enero (1979), de Juan Antonio Bardem. O encontro celebrarase o sábado 15, ás 17.30 horas, na sala NUMAX.

No contexto da efervescencia disidente e das mobilizacións políticas e sindicais dos últimos anos do franquismo, a folga de actores e actrices de febreiro de 1975 constituíu unha acción unitaria sen precedentes no sector cultural, con seguimento en teatros, rodaxes e televisión. As reivindicacións —incremento salarial, descanso semanal, función diaria única ou remuneración dos ensaios— derivaron nun choque directo co sindicato vertical franquista e nunha dura resposta represiva: detencións, sancións e ameazas que afectaron a intérpretes como Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza, Tina Sainz ou Pedro Mari Sánchez.

A mesa contará coa participación da actriz Petra Martínez e do historiador e programador cinematográfico José Manuel Sande, autor do texto contextual que acompañará a sesión. O director de Cineuropa, José Luis Losa, moderará o encontro.

Tras o debate, proxectarase o clásico Siete días de enero, no que Juan Antonio Bardem recrea os tráxicos atentados dos avogados laboralistas de Atocha, acontecidos en 1977. O filme —protagonizado por Manuel Ángel Egea, Fernando Sánchez Polak e Madeleine Robinson— achega unha visión singular da violencia política durante a Transición, artellando o relato desde a perspectiva dos asasinos de extrema dereita.

A programación da semana complétase con varios dos títulos máis destacados da tempada internacional. La virgen de la Tosquera, da realizadora arxentina Laura Casabé, premiada como Mellor Película Arxentina no BAFICI e recoñecida pola súa fotografía en Sitges, adapta dous relatos de Mariana Enríquez nun exercicio de terror e realismo social. A historia segue tres mozas dun suburbio de Bos Aires que, movidas polos celos, recorren á maxia negra, desencadeando forzas alleas ao seu control. Casabé, unha das voces máis singulares do cinema fantástico latinoamericano, confirma aquí a súa madurez autoral.

Tamén se poderá ver Duse, de Pietro Marcello, incluída nas seccións oficiais da Mostra de Venecia e da Seminci. Protagonizada por Valeria Bruni Tedeschi e Noémie Merlant, a película retrata a lendaria actriz Eleonora Duse no crepúsculo da súa carreira, entre o final da Primeira Guerra Mundial e o ascenso do fascismo. A través da súa loita por seguir interpretando malia a enfermidade e o tempo histórico, Marcello ofrece un retrato íntimo e poético sobre a arte como resistencia.

Outro dos grandes acontecementos da edición é O último azul, do brasileiro Gabriel Mascaro, galardoada co Gran Premio do Xurado e o Premio Ecuménico na Berlinale. O filme propón unha parábola visual sobre a rebeldía e o dereito á liberdade a través da viaxe dunha muller de 77 anos polos ríos da Amazonia, decidida a fuxir dunha colonia estatal para maiores. O autor de Boi neon e Divino amor combina aquí poesía, política e emoción nun relato que mestura o realismo coa aventura.

A sección de cinema europeo amplíase con Sound of Falling (Son de caída), da directora alemá Mascha Schilinski, Premio do Xurado en Cannes. A película, protagonizada por Hanna Heckt e Lena Urzendowsky, percorre un século de historia a través de catro nenas que viven nunha mesma granxa do norte de Alemaña. As súas vidas, separadas polo tempo, acaban entrelazadas nunha poderosa reflexión sobre a memoria, a herdanza e o paso das xeracións.

O festival ofrecerá tamén as novas obras de Richard Linklater, Paolo Sorrentino e François Ozon, e un dos regresos máis esperados da tempada: Angelina Jolie protagonizando Couture, o seu reencontro co cinema europeo nun papel de alta costura e intensidade dramática.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.