CINEUROPA
ACTIVIDADES PARALELAS
MESA DE DEBATE: A FOLGA DE ACTORES E ACTRICES DE 1975 + PROXECCIÓN DE "SIETE DÍAS DE ENERO"
En medio da efervescencia disidente e das loitas políticas e sociolaborais dos últimos estertores da ditadura franquista, xorde, resultado dun proceso activo acumulado de tempo, a folga de actores e actrices de 1975 en España. Unha folga xeral unitaria e de enorme seguimento, desenvolvida entre o 4 e o 12 de febreiro —un período especialmente tenso e represivo—, capaz de abarcar a todo o mundo do espectáculo e provocar desde suspensións nos teatros de Madrid ata cancelacións de sesións de rodaxes e programas de TVE.
A folga vai formular de xeito audaz un tempo de reivindicación en forma de petición dunha serie de melloras (aumento salarial, un día de descanso semanal, a función diaria única no teatro, o cobro polos ensaios…), posibilitando como consecuencia a impugnación das estruturas do sindicato vertical sectorial franquista. O aparato represor franquista non vai defraudar: detencións (de Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza e Tina Sainz a Pedro Mari Sánchez), ameazas e severas multas, o que desencadea unha gran corrente de solidariedade internacional. Entendido como un suceso histórico menos susceptible de recoñecemento do que debera, representa ademais o xerme de moitos cambios laborais na profesión, constituíndo un auténtico e memorable punto de inflexión.
José Manuel Sande
Interveñen:
Petra Fernández | Actriz
José Manuel Sande | Historiador e programador cinematográfico
Modera: José Luis Losa | Director de Cineuropa
Despois da mesa redonda, proxectarase o filme Siete días de enero (1979). A regresión reaccionaria ou a ameaza ultra aparecen nesta película de Juan Antonio Bardem, un filme no que o realizador de Muerte de un ciclista se aproxima á matanza dos avogados laboralistas de Atocha dun xeito atípico: un relato artellado desde a propia perspectiva dos asasinos de extrema dereita. 
SIETE DÍAS DE ENERO (1979)
Juan Antonio Bardem
España, Francia / 124 min / Ficción / Español
Ficha artística:
Manuel Ángel Egea, Fernando Sánchez Polak, Madeleine Robinson, Virginia Mataix.
Ficha técnica:
Guión: Juan Antonio Bardem, Gregorio Morán
Fotografía: Leopoldo Villaseñor
Edición: Guillermo S. Maldonado
Produción: Alain Coiffier, Serafín García Trueba, Jean—Loup Puzenat
Sinopse: Reconstrución dos tráxicos acontecementos ocorridos en España no mes de xaneiro de 1977: o atentado dun grupo de ultradereita contra un despacho de avogados laboralistas vinculados ao Partido Comunista, no que morreron catro letrados e un administrativo, e quedaron gravemente feridos outros catro avogados. A matanza foi reivindicada pola Triple A (Alianza Apostólica Anticomunista) e formou parte dun intento de desestabilización da recentemente inaugurada democracia española.