Kamal Aljafari: “O cinema pode exercer un papel moi importante na resistencia contra a ocupación”

O cineasta palestino recibiu este martes o Premio Cineuropa en recoñecemento á súa singular mirada sobre a memoria, o territorio e o poder político das imaxes
A gala incluíu a proxección do filme With Hasan in Gaza, o seu máis recente traballo
 

O cineasta palestino recolleu o Premio Cineuropa de mans da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González (Foto: Javi G. Sobrado)

O festival Cineuropa entregou este martes o primeiro dos galardóns cos que este ano distingue o labor e a traxectoria de cineastas e profesionais do cinema que contribúen a ampliar as fronteiras da sétima arte e a defender o seu valor como ferramenta de liberdade e reflexión. Kamal Aljafari recolleu o Premio Cineuropa de mans da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, nun acto no Teatro Principal que conduciu a actriz Susana Sampedro e  que contou tamén coa intervención do director do festival, José Luis Losa, e coa presenza da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e de representantes da corporación municipal e de entidades colaboradoras no festival.

De esquerda a dereita, José Luis Losa, Kamal Aljafari e Natividade González (Foto: Javi G. Sobrado)

José Luis Losa destacou o compromiso do cinema de Aljafari e parabenizouno “por non deixar de crer no cine como acto revolucionario. E por construír esas intervencións de arte maior subversiva e política como pontes da memoria que sosteñen a inmanencia dun pobo, o palestino”. 

Pola súa banda, Natividade González puxo en valor a ollada valente e necesaria de Aljafari, cun “cinema que se ergue como un acto de resistencia e, sobre todo, de dignidade”. “A través das súas películas”, continuou “feitas de fragmentos, lembranzas e ecos que o poder quixo facer desaparecer, Aljafari constrúe un relato que devolve a humanidade a quen lla quixeron negar.  E o seu cinema non só conta Palestina, fai existir Palestina fronte a ocupación, fronte a barbarie e fronte o esquecemento”. 

Kamal Aljafari (Foto: Javi G. Camino)

Co Premio Cineuropa xa nas mans, Kamal Aljafari agradeceu esta distinción que destacou como a primeira que recibe en España e declarou ante o público do Teatro Principal a súa confianza no poder das imaxes: "O cinema pode exercer un papel moi importante na resistencia contra a ocupación e na creación de esperanza”, apuntou. O cineasta expresou tamén o seu agradecemento ás persoas que por todo o país se botaron ás rúas en solidariedade con Palestina, nun “sinal de humanidade e unha mostra de que recoñecen a súa propia humanidade na loita de Palestina pola liberación”. 

A seguir, o propio director deu paso á proxección do filme With Hasan in Gaza, o seu máis recente traballo, estreado no festival de Locarno.

Kamal Alfajari e o retrato cinematográfico da loita contra a opresión

Aljafari, unha das voces máis singulares do cinema contemporáneo, constrúe unha filmografía que se move entre o documental e o ensaio poético, explorando as ausencias e os fragmentos dun país esnaquizado pola ocupación. A súa obra —que inclúe títulos como Port of Memory (2009), Recollection (2015), An Unusual Summer (2020) e A Fidai Film (2024)— propón un exercicio de resistencia a través da memoria, facendo do arquivo unha ferramenta estética e política.

En With Hasan in Gaza (Palestina, Alemaña, Qatar, 2025), Aljafari parte dun material filmado hai máis de dúas décadas para reconstruír unha viaxe á Franxa de Gaza no ano 2001, cando, acompañado por un guía local, procuraba reencontrarse cun antigo compañeiro de cela coñecido durante a Primeira Intifada. A partir desas imaxes en MiniDV, o director compón un poderoso retrato da perda e da dignidade humana, unha Gaza que quizais xa non exista fisicamente pero que sobrevive a través do cinema.

A película, con guión, fotografía e montaxe do propio Aljafari e produción de Flavia Mazzarino— reivindica o cinema como espazo de lembranza e de existencia. As imaxes, cheas de vida e beleza, converten o cotián nun acto de resistencia fronte á devastación e ao esquecemento.

O Premio Cineuropa recoñece cada ano cineastas cuxa traxectoria contribúe a ampliar as fronteiras do cinema e a defender o seu valor como ferramenta de liberdade e reflexión. Kamal Aljafari súmase así á lista de autores homenaxeados polo festival compostelán, nunha edición marcada pola aposta por un cinema comprometido coa memoria e coa mirada crítica sobre o noso tempo.

Sedes do festival e información práctica

O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Apoios e colaboracións

Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.

 

O acto de entrega do Premio Cineuropa a Kamal Aljafari contou coa presenza da alcaldesa da cidade, do director do festival e de representantes da corporación municipal e de entidades colaboradoras (Foto: Javi G. Camino)