Cinema, danza, música e artes visuais centran a axenda semanal de Compostela Cultura

O Teatro Principal acolle unha dobre proxección de ‘Antes de nós’, o retrato que Ángeles Huerta tece arredor de Castelao e da súa dona Virxinia Pereira
As  irmás Noa e Lara Castro Lema comparten co público a xénese de ‘Bailan os nomes’, a obras que lles valeu o segundo premio do Auditorio de Galicia para Artistas Noveis 
O espectáculo ‘De corpo e palabra’ de ExperimentaDanza transforma o Teatro Principal nun lugar onde movemento, poesía e voz crean unha experiencia sensorial que dialoga coa forma en que habitamos o mundo
A semana complétase cun mosaico de música, circo, teatro e outras propostas artísticas
 

Compostela Cultura abre a semana cunha programación plural que combina cinema, danza, creación emerxente e propostas para todos os públicos. Entre as citas destacadas, a proxección especial do filme Antes de nós, de Ángeles Huerta; a peza escénica De corpo e palabra de ExperimentaDanza;  e a conversa coas artistas Noa e Lara Castro Lema encabezan unha axenda que convida a descubrir novas miradas e a habitar a cidade a través da cultura.

Un retrato íntimo de Castelao e Virxinia antes de seren “Nós”

O Teatro Principal acolle o luns, día 15 de decembro, dúas proxeccións de Antes de nós, de Ángeles Huerta, un filme que propón unha inmersión emocional na vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira a través de dous momentos determinantes da súa biografía, entre 1918 e 1929. 

A primeira das proxeccións terá lugar ás 11.00 horas –para favorecer o acceso de persoas maiores, centros educativos ou con necesidades especiais e entidades sociais– e contará coa presenza da directora do filme que presentará a película e manterá ao seu remate un coloquio co público. O acceso é libre até completar capacidade. O segundo pase, xa para público xeral, terá lugar ás 20 horas e incluirá un coloquio con Xoán Fórneas e Cris Iglesias, protagonistas da película que prestan corpo e voz a Castelao e Virixinia. O acceso é de balde previa retirada de convites dende unha hora antes no despacho de billetes do Teatro Principal.

O filme traza un baile continuo de separación e reencontro entre a parella e, lonxe de presentarse como un biopic convencional, deita unha ollada atenta á relación que sustentou a evolución humana, artística e política de Castelao. A longametraxe reconstrúe localizacións orixinais en Rianxo, Pontevedra, Santiago, Muros ou A Estrada, e recupera a atmosfera estética das obras gráficas de Castelao, dalgúns dos seus debuxos máis recoñecibles. 

Con esta proxección, Compostela Cultura súmase á celebración do ano dedicado a Castelao achegando ao público unha obra de ficción que ilumina a súa dimensión máis íntima e humana. 

Bailan os nomes: memoria natural, corpo e imaxinación

O mércores 17 de decembro, ás 19.00 h, o Auditorio de Galicia acolle unha conversa cunha Noa e Lara Castro Lema, gañadoras do segundo posto na décimo cuarta edición do Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis.

A súa obra Bailan os nomes —unha animación construída a partir de 35 debuxos de grafito— convoca catro figuras híbridas (pita, galo, vaca e cabalo) que danzan sen fin para nomear unha presenza ausente: a pita de monte, especie extinguida en Galicia desde 2005. 

O traballo de Lara e Noa, sempre en clave colectiva, reivindica o espazo do soño e da poesía como territorio de resistencia fronte a sistemas hexemónicos, e explora a complexa relación entre as tradicións orais humanas e non humanas. A súa práctica propón novas formas de comprender —e quizais transformar— cuestións como a memoria, a violencia ou o coidado.

A conversa permitirá afondar no proceso creativo e na reflexión que vertebra o proxecto e o acceso é libre sen necesidade de reserva. 

Danza poesía, movemento e música en directo

O xoves 18 de decembro, ás 20.00 h, o Teatro Principal presenta De corpo e palabra, unha peza de ExperimentaDanza dirixida por Carlota Pérez que entrelaza danza, acción escénica e poesía en directo nun diálogo íntimo entre corpo e linguaxe. As poetas Eva Veiga e Andrea Nunes incorporan textos doutras voces que resoan nun ambiente sonoro creado por Su Garrido e que serve de pano de fondo ao movemento de artistas con diversas capacidades. A obra propón unha reflexión sensorial sobre como habitamos o mundo a través das palabras e dos xestos que nos conforman.

O acceso é libre previa retirada de convites na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. 

Outros eventos da semana

A programación complétase cun amplo abano de propostas que enchen a cidade de música, maxia escénica e encontros co público. O xoves e o venres, ás 20.30 horas, o Auditorio de Galicia vibra co concerto participativo CANTAMOS!, no que a Real Filharmonía de Galicia e coros de todo o país se unen para celebrar a forza transformadora da música nun programa con aberturas, coros e arias das óperas máis representativas de Wolfgang Amadeus Mozart, Gioachino Rossini, Giuseppe Verdi, Gaetano Donizzeti e Georges Bizet. O Coro de Cámara Thalassa (Marín), o Coro da Asociación Músico Crisanto(Rábade), o Coro Asociación de Amigos del Camino de Santiago (Lugo), o Coro Asubío (Santiago), o Coro da Escola Municipal de Música de Santiago (Santiago), o  Coro Crecente de Voces Graves (Santiago) e Sons de Solovio (Santiago) participan neste recital dirixido por Javier Fajardo que conta coas interpretacións do barítono Milan Périsic e a mezzosoprano Andrea Rey e coa participación do alumnado da EAEM. As entradas (15€, con descontos do 50% dispoñibles para diferentes colectivos) están dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C. 

Tamén o venres 19, ás 20.00 horas, o Teatro Principal acollerá o concerto Cantar a Nación, un recital promovido pola Federación Galiza Cultura e a plataforma Vía Galega en conmemoración do aniversario da estrea institucional do Himno Galego– que aconteceu na Habana o 20 de decembro de 1907–, conducido por Xurxo Souto e que reunirá sobre as táboas a De Ninghures e o Coro da Ra. O acceso é libre previa retirada de convites na billeteira do propio Teatro dende unha hora antes do seu comezo.

O sábado, o universo poético e visual da compañía Voël chega ao Auditorio con Nanuq, un espectáculo de circo, danza e marionetas pensado para estimular a imaxinación das primeiras infancias (a partir de 2 anos) e que forma parte da axenda da Tropa C. As entradas (3€), están dispoñibles igualmente na web compostelacultura.gal e na Zona C. 

O domingo pola mañá, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela protagoniza o tradicional concerto de Nadal con O Crebanoces, unha ocasión para gozar en familia da maxia de Chaikovski acompañada polo Ballet de Galicia. Casiano Mouriño Maquieira dirixe a BMSC e Diego Landín o Ballet neste espectáculo para todos os públicos con acceso de balde previa retirada de convites.

Pola tarde, a Casa das Máquinas énchese de humor e tradición con  Teatro Ghazafelhos, que recupera Historias para escagharriñarse, un espectáculo de rúa no que lendas populares e personaxes fantásticos volven cobrar vida entre risas e complicidades. O acceso é libre até completar capacidade.

E no campo das artes artes visuais, permanecen abertas a instalación Acumulacións dun presente moi pasado, de Ana Moure Rosende, –que pode ser visitada na Zona C de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas– , e o Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, –no Auditorio de Galicia, e con acceso libre de luns a domingo, de 10 a 14 e de 16 a 20 h–,  que ofrecen ao público novos camiños para investigar, mirar e habitar a creación contemporánea.