A artista Ana Moure Rosende (Santiago de Compostela, 1996), presenta na Zona C a instalación Acumulacións dun presente moi pasado, un proxecto desenvolvido polo colectivo de investigación artística La cuarta piel que ficciona unha expedición humana a futuras formacións xeolóxicas creadas polos residuos acumulados nas marxes urbanas.
A instalación emprega materiais sometidos a distintos procesos de desintegración para explorar como os obxectos prezados e os refugallos comparten o mesmo destino: acabar convertidos en estratos dunha paisaxe artificial que perdurará durante milleiros de anos. O traballo propón imaxinar novas covas, ecosistemas e reliquias que poderán emerxer destas montañas artificiais no futuro.
Nun contexto de colapso na xestión de residuos —con infraestruturas saturadas e depósitos ao límite— o proxecto reflexiona sobre como a sociedade segue ocultando aquilo que non quere ver, ao tempo que idealiza certos obxectos como amuletos sagrados. Esta contradición dá lugar a novas cordilleiras creadas polo humano e cheas de posibilidades narrativas e ecolóxicas.
La cuarta piel, colectivo fundado en 2020 en Alacante, investiga as relacións ecosociais nas paisaxes contemporáneas e aposta por procesos situados que fomenten unha sensibilidade ecolóxica. O seu traballo foi presentado en institucións como o Museo Thyssen, La Casa Encendida, Arts Santa Mònica, o IVAM ou o Centre del Carme, e foi recoñecido por entidades como Fundación FAD, Arquia Innova e a Bienal Iberoamericana de Arquitectura.
Acumulamos o que estimamos, agochamos o que nos molesta. Con todo, tanto os nosos obxectos máis prezados como os residuos teñen algo en común: terminan formando parte do mesmo proceso de desintegración.
Creamos unha paisaxe que perdurará durante millóns de anos, mesmo cando os seres humanos xa non esteamos. Como serán as montañas artificiais dentro de 5000 anos? Emerxerán novas reliquias entre os estratos da nosa era?
La cuarta piel
Ideada e dirixida por Ana Moure Rosende, Mon Cano e Ximo Berenguer, con produción de Íñigo Barrón García, César Fuertes Llorens, Javier Gutierrez Hernández, Jerome Lorente Martí e Carlos Pastor García e o apoio do Consorci de Museus da Comunitat Valenciana e o Centro Cultural Las Cigarreras, Acumulacións dun presente moi pasado é unha das propostas seleccionadas na convocatoria proxectos de intervención para a Zona C de Compostela Cultura para o período 2024-2025.