As artistas coruñesas Noa e Lara Castro Lema convídannos a compartir unha conversa arredor da súa obra Bailan os nomes, un dos traballos que integran a mostra do Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia Noveis exposta na Sala Isaac Díaz Pardo. A peza, composta por 35 debuxos a grafito sobre papel, mereceu o segundo premio do certame, un recoñecemento que pon en valor a singularidade e a delicadeza do seu universo creativo.
Será unha ocasión aberta ao público para afondar nos seus procesos, descubrir os camiños que as levan a crear e coñecer os proxectos que están a desenvolver.
O traballo de Lara e Noa, sempre en clave colectiva, reivindica o espazo do soño e da poesía como territorio de resistencia fronte a sistemas hexemónicos, e explora a complexa relación entre as tradicións orais humanas e non humanas. A súa práctica propón novas formas de comprender —e quizais transformar— cuestións como a memoria, a violencia ou o coidado.
Formadas no Mestrado en Arte do Institute Kunst da FHNW de Basilea e no Mestrado en Produción e Investigación en Arte da Universidade de Granada, teñen participado en festivais, laboratorios e programas de creación e recibiron apoio de institucións como a Fundación Botín (2025), Fundación La Caixa (2023) ou a Fundación María José Jove (2021–2023). Presentaron o seu traballo en espazos como o CGAC, o Museo Tinguely e o Kunsthaus Baselland (Suíza), a Galería Municipal do Porto (Portugal), o Frankfurter Kunstverein (Alemaña), o Museo de Pontevedra, así como en galerías como City Salts (Suíza) e Argonautas_34 (Galicia).
En 2025 foron seleccionadas para dúas residencias de grande prestixio: a da Skowhegan School of Sculpture and Painting en Maine (Estados Unidos) e a Lunga en Seyðisfjörður (Islandia), onde se atopan actualmente.
En 2024, a revista Vanitatis de El Confidencial destacounas entre os 25 artistas menores de 35 anos con maior proxección da contorna estatal.