CANTAR A NACIÓN 2025

DATOS BÁSICOS

O Teatro Principal  acolle o venres 19 de decembro o recital Cantar a Nación, unha iniciativa promovida pola Federación Galiza Cultura e a plataforma Vía Galega en conmemoración da  estrea institucional do Himno Galego, celebrada na Habana o 20 de decembro de 1907.

Baixo este lema, diferentes corais e agrupacións musicais percorrerán o país entre o 17 e o 20 de decembro para celebrar colectivamente unha das obras fundacionais da identidade galega. En Compostela, o acto estará presentado polo músico e escritor Xurxo Souto e xuntará no escenario a De Ninghures e ao Coro da Ra, nun encontro que reivindica a forza da música como expresión comunitaria e como memoria viva da nación.

Cantar a Nación é unha oportunidade para celebrar o Himno como símbolo colectivo e abrir un espazo de reflexión e compromiso arredor da súa historia, do seu significado e da necesidade de preservar a súa integridade literaria.

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que fai que o público baile e se emocione coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e diversos sinxelos despois, en febreiro de 2025, publican Feira, o seu novo traballo. Nel, o grupo experimenta coa electrónica, coa utilización de novos instrumentos -ou usos renovados na súa instrumentación habitual- e a incorporación de efectos nas composicións. 

O Coro da Ra é unha formación compostelá que se consolidou como unha das propostas sonoras máis orixinais e versátiles do país, fondamente comprometida coa diversidade musical e cultural. No seu amplo repertorio, que vai do soul, ao gospel, pasando polo jazz, o rock, o pop, ou á música brasileira, destacan pezas que conectan Galicia e a Lusofonía, con obras de referentes como Andrés do Barro, Narf, Pepe Sendón, Chico Buarque ou Marisa Monte. Recoñecido co Premio Martín Códax da Música (2022) é impulsor de proxectos especiais como a súa versión renovada do Himno de Galicia, estreada na “Inchadiña Branca Vela” de Padrón en 2024. Con máis de trinta anos de traxectoria ás costas, sempre baixo a dirección de Ramón Bermejo, destaca pola súa enerxía coral e pola capacidade de transformar cada concerto nunha celebración colectiva.

Duración: 
90 min (aprox)
Acceso: 
  • De balde previa retirada de convites, dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal dende as 19 h
Info práctica: 
Venres, 19 Decembro, 2025
20:00
Teatro Principal