O Teatro Principal acolle o luns, día 15 de decembro, dúas proxeccións de Antes de nós, de Ángeles Huerta, un filme que propón unha inmersión emocional na vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira a través de dous momentos determinantes da súa biografía, entre 1918 e 1929.
A primeira das proxeccións terá lugar ás 11.00 horas –para favorecer o acceso de persoas maiores, centros educativos ou con necesidades especiais e entidades sociais– e contará coa presenza da directora do filme que presentará a película e manterá ao seu remate un coloquio co público. O acceso é libre até completar capacidade.
O segundo pase, xa para público xeral, terá lugar ás 20 horas e incluirá un coloquio con Xoán Fórneas e Cris Iglesias, protagonistas da película que prestan corpo e voz a Castelao e Virixinia. O acceso é de balde previa retirada de convites dende unha hora antes no despacho de billetes do Teatro Principal.
O filme traza un baile continuo de separación e reencontro entre a parella e, lonxe de presentarse como un biopic convencional, deita unha ollada atenta á relación que sustentou a evolución humana, artística e política de Castelao. A longametraxe reconstrúe localizacións orixinais en Rianxo, Pontevedra, Santiago, Muros ou A Estrada, e recupera a atmosfera estética das obras gráficas de Castelao.
Con esta proxección, Compostela Cultura súmase ás conmemoracións do ano dedicado a Castelao achegando ao público unha obra de ficción que ilumina a súa dimensión máis íntima e humana.
ANTES DE NÓS
Un filme de Ángeles Huerta
2025 | 84' | A partir de 7 anos
Produción: Retrincos A.I.E.
Reparto: Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo, Xoel Fernández
Versión orixinal: Galego
SINOPSE
Unha parella, dous momentos. Un baile continuo de separación e reencontro. Dúas historias entretecidas.
1918, Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, pero un home ausente para a súa muller, Virxinia.
1929, o matrimonio percorre Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os vai unir para sempre. Castelao antes de ser Castelao. Galicia antes da “xeración Nós”. Castelao e Virxinia antes de seren “nós”.