Chévere estrea Ictus no Auditorio de Galicia: memoria, escena e conciencia crítica

Dirixida por Xesús Ron, a obra poderá verse en Compostela os días 20 e 21 de febreiro ás 20.30 h e o 22 ás 18 h, con todas as localidades xa esgotadas
O espectáculo integra lingua de signos en escena e audiodescrición en directo para favorecer a accesibilidade da proposta
A estrea complétase cun programa de mediación cultural ao longo de febreiro para ampliar e compartir a experiencia escénica
 

A compañía galega Chévere estrea no Auditorio de Galicia o seu novo espectáculo, Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao), que poderá verse na Sala Ángel Brage os días 20 e 21 de febreiro ás 20.30 horas e o 22 de febreiro ás 18 horas. As tres funcións teñen as localidades esgotadas desde hai días, confirmando a expectación xerada arredor da proposta.

A peza toma como eixo o cadro A derradeira leición do mestre, última pintura asinada por Castelao no exilio. A partir desta imaxe icónica, a compañía constrúe un dispositivo escénico que interroga a relación entre memoria e democracia, afondando nos silencios, nas tensións e nas disputas que atravesan a nosa memoria histórica e os relatos que a conforman.

Dirixida por Xesús Ron e de creación colectiva de Chévere, Ictus conta coas interpretacións de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Marcos Pereira, Gema Santos e Borja Fernández. O espectáculo é unha coprodución co Centro Dramático Nacional e foi recoñecido cunha das axudas a proxectos escénicos plurianuais da Agadic. No marco da programación escénica de Compostela Cultura, intégrase no ciclo Foco Castelao en escena, unha escolma de pezas que revisitan a obra, o pensamento e o legado dun autor fundamental para repensar o relato histórico, a construción da identidade colectiva e o humor —nas súas múltiples expresións— como ferramenta crítica.

Un dispositivo escénico documental

Ictus (anatomía de “A derradeira leición” de Castelao) aposta por un dispositivo escénico que reduce ao mínimo a teatralidade convencional: sen caracterizacións nin decorados ilusionistas, a peza constrúese a partir de actas, cartas, fotografías, vídeos e declaracións que funcionan como materiais documentais sobre os que se levanta unha ficción tratada tamén con rigor documental.

O punto de partida do proxecto sitúase no acto institucional de recepción do cadro en Galicia no ano 2018. Aquel xesto público, cargado de intención simbólica, leva a compañía a preguntarse que relato se estaba a construír arredor da obra e desde que perspectiva. Que historia se estaba a contar realmente? Que elementos quedaban fóra do discurso oficial? Como pode unha pintura concibida polo seu autor como homenaxe ás vítimas do fascismo reformularse como un relato institucional centrado na educación? Que acontece deste xeito coa memoria colectiva?

Destas interrogantes nace un espectáculo que entrelaza documento e ficción, teatro e testemuño, facendo dialogar verdade histórica e verdade escénica ata desdibuxar as súas fronteiras e construír, diante do público, un relato vivo que se formula e reformula en escena.

A accesibilidade na escena

O espectáculo integra a accesibilidade como parte da súa proposta artística. A función conta coa participación dun actor xordo e dunha actriz que empregan a lingua de signos en escena, así como cun sistema de audiodescrición en directo incorporado á propia narrativa do espectáculo, ampliando así o acceso a públicos con diversidade sensorial.

Un programa de mediación e didáctico para ampliar a experiencia teatral

Arredor da estrea, e dentro do programa de mediación de Compostela Cultura, desenvólvese ao longo de febreiro un conxunto de encontros abertos ao público para profundar no proceso creativo da compañía e nas cuestións que atravesan a peza: memoria, política, escena contemporánea e diálogo entre arte e sociedade.

Tras as sesións xa celebradas, quedan dúas citas: o 21 de febreiro ás 17.30 h no Auditorio de Galicia, cando integrantes de Chévere participarán en Conversando, unha charla aberta previa á función para compartir as claves da investigación e desenvolvemento do espectáculo; e o 28 de febreiro ás 12.00 h na Zona C, coa sesión Tramoia. Anatomía dunha peza teatral, un espazo para coñecer desde dentro o proceso de creación de Ictus, incluíndo as decisións, materiais e liñas de traballo que quedaron fóra do resultado final. Ambas actividades son de acceso libre ata completar capacidade e contan con interpretación en lingua de signos.

Ademais das funcións abertas ao público, Ictus contará tamén con pases didácticos no marco do Programa Didáctico do Auditorio de Galicia. Estas sesións pedagóxicas, dirixidas a alumnado de 3º e 4º da ESO e Bacharelato, celebraranse os días 23 e 24 de febreiro ás 10.30 horas na Sala Ángel Brage e forman parte dunha programación estable que cada temporada achega ás aulas propostas de teatro, música, danza e outras disciplinas escénicas. A asistencia é gratuíta para os centros de ensino inscritos e estes contan con guías didácticas específicas para traballar o espectáculo na aula antes da súa asistencia. Deste xeito, a proposta de Chévere amplía o seu alcance máis alá da exhibición escénica, incorporándose a un itinerario formativo que promove a reflexión crítica sobre memoria, democracia e creación contemporánea entre o público máis novo.

[FOTO: Sabela Eiriz]