CHÉVERE
Estrea absoluta
Foco Castelao en Escena
Conversando: o 20 de febreiro
Idade recomendada: a partir de 13 anos
Duración: 105 min sen intermedio
Lingua: Galego, lingua de signos (LSE)
ICTUS é unha obra sobre a memoria: sobre o vínculo profundo entre boa memoria e boa democracia, e sobre as feridas aínda abertas da nosa memoria histórica. O seu fío condutor é A derradeira leición do mestre, a última pintura que Castelao asinou no exilio, cando estaba xa case cego. A proposta de Chévere traza unha viaxe inversa no tempo, acompañando o cadro desde o acto de recibimento na súa primeira chegada Galicia en 2018 —organizado polo goberno galego para incorporalo a unha exposición dedicada á educación— até a súa primeira presentación pública no Centro Ourensán de Bos Aires, o 17 de agosto de 1945. Esta data, noveno cabodano do fusilamento de Alexandre Bóveda polos militares golpistas, foi declarado Día dos Mártires de Galicia pola colectividade galega desterrada.
A compañía artella un dispositivo documental no que múltiples voces e testemuñas dialogan coa historia persoal dunha muller que sofre unha perda de memoria por un dano cerebral adquirido, tras un ictus sufrido precisamente durante o acto de recepción do cadro na Cidade da Cultura en 2018.
O resultado é unha viaxe escénica que nos invita a entender como se constrúen —e como se disputan— as narrativas da memoria.
ACCESIBILIDADE: esta obra conta con intérpretes de lingua de signos (LSE) en escena para persoas xordas signantes e con audiodescrición en directo para persoas con discapacidade visual.