

A programación inclúe 23 espectáculos e 33 funcións que se completan coa quincena de propostas que conforman a axenda da Tropa C, especificamente pensadas para público familiar e primeira infancia
Tres focos temáticos dirixen a ollada cara á relectura contemporánea da obra e o pensamento de Castelao, ás novas linguaxes e temáticas que agroman na creación escénica e a hibridación entre danza tradicional e contemporánea
O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia abeirarán as representacións da tempada e as entradas para os eventos poderán mercarse a partir deste venres 5 de decembro, tanto en compostelacultura.gal como no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural
A concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao presentou este xoves a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre do 2026. Fíxoo nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e de integrantes das compañías e dos espectáculos que fan parte da programación: Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, Fran Sieira, Andrea Quintana, Helena Salgueiro e Alixa Ladson.
De esquerda a dereita, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Xaquín López, Natividade González, Míriam Louzao, Jacobo Sutil, Alixa Ladson, Fran Sieira, e Andrea Quintana (FOTO: Javier G. Sobrado)
Louzao arrancou a presentación co agradecemento ás institucións que suman vontades para facer posible o programa. Alén dos apoios da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia—a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios–, a nova temporada conta con financiamento do Consorcio de Santiago, e o apoio do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura, a través dos programas Platea e Danza a Escena.
De xaneiro a xuño, prográmanse 23 propostas e 33 funcións de teatro e danza que prestan especial atención á escena galega cunha quincena de espectáculos de compañías do país e que se presentarán no Teatro Principal e o Auditorio de Galicia. Súmanse á outra quincena de propostas escénicas, con máis teatro, danza e tamén circo, pensadas especificamente para público familiar e para a primeira infancia que conforman a axenda da Tropa C e que se estenden tamén até o mes de xuño nos mesmos espazos e na Casa das Maquinas.
A concelleira avanzou os tres focos transversais que artellan unha tempada para “repensar o presente, o pasado e a construción da memoria” e “que resulta do entendemento da cultura como dereito e como espazo compartido, e de concibir as artes vivas como un espello dende o que observarnos e recoñecernos, como un convite a nos atopar no patio de butacas e a debater en colectivo”.
Así, o Foco Castelao en escena revisita a obra, o pensamento e o legado deste autor capital para dirixir a ollada ao tecido do relato histórico, á construción da identidade e ao papel esencial do humor (coas súas múltiples variantes) como ferramenta crítica. Dous espectáculos ICTUS, de Chévere, e Os Dous de Sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, demostran a vixencia do seu legado no imaxinario colectivo.
Outro foco, Escenas do presente abre un espazo dedicado ás creadoras e creadores que están a redefinir a escena galega e estatal desde novas preocupacións, novas linguaxes e novas formas de mirar o mundo. Son propostas que abordan temas plenamente contemporáneos —identidade, corpo, saúde mental, violencias, incerteza xeracional— con risco, frescura e unha forte pegada autoral, trazando un mapa do que está a medrar agora mesmo no país. Neste foco figuran espectáculos como Nortear, de Columna Balteira; Historia Vaxenial, de Raquel Nogueira e Iván Marcos; Transeúnte, de Daniel Rodríguez, Alicia wants to, de Bengala Teatro Físico ou Contra Ana, de La Contraria.
E finalmente, o Foco NeoTrad, que xa estivera presente na programación de 2024, continúa a reivindicar a cultura tradicional e a súa hibridación coa danza contemporánea en traballos como Benquerer, de Fran Sieira en colaboración con Caamaño&Ameixeiras; a xa mencionada Transeúnte, de Daniel Rodríguez; Alén, do Colectivo Glovo, e Vicenta Lorca de Óscar Cobos.
23 espectáculos en 33 funcións
A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026 arrinca o 29 de xaneiro no Teatro Principal con Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, unha peza de gran formato escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que revisa a memoria da reconversión naval a través dunha charanga de oito actores-músicos. O espectáculo terá unha segunda función o día 30. O mes complétase o 31 de xaneiro coa chegada ao Auditorio de Galicia de Los Yugoslavos, de Teatro de la Abadía, unha obra de Juan Mayorga protagonizada por Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Marta Gómez e Alba Planas, sobre o amor, a perda e os países que xa non existen.
En febreiro a actividade continúa nos días 6 e 7 coas dúas funcións de BenQuerer, o novo espectáculo de Fran Sieira acompañado en directo por Caamaño&Ameixeiras, que afonda no autocuidado emocional a través da danza tradicional. O foco Castelao ábrese entre o 20 e o 22 coa estrea absoluta de ICTUS (anatomía de “A derradeira leición’ de Castelao’’, de Chévere, unha viaxe escénica e documental que explora a relación entre a boa memoria e a boa democracia e a forma na que se constrúen e disputal as súas narrativas. O mes pecha con O Dragón de Ouro, de Sarabela Teatro os días 27 e 28, unha obra con dramaturxia e dirección de Ánxeles Cuña Bóveda a partir dun texto orixinal de Roland Schimmelpfennig arredor a migración, explotación e desigualdade.
A axenda teatral de marzo abre o día 6 con Historia Vaxenial, unha comedia de Raquel Nogueira e Iván Marcos para Artyc Content sobre como foi representado o corpo das mulleres ao longo dos séculos. O sábado 7 chega ao Auditorio de Galicia El hijo de la cómica, unha homenaxe escénica de José Sacristán ao seu legado familiar e artístico. E os días 26 e 27 de marzo, para celebrar o Día Mundial do Teatro, o Principal acolle dous pases de Artur Ui, o ovo da serpe, a revisión de Talía Teatro do clásico de Brecht para pensar o avance dos discursos autoritarios.
Abril comeza o día 9 con On Time, unha creación inclusiva da Fundación Psico Ballet Maite León que reflexiona sobre o tempo desde a danza contemporánea. O día 10 toma o relevo Quiso Negro, de Ester Guntín, unha inmersión coreográfica no rito do tarantismo e na súa potencia catártica. Entre o 15 e o 18, Mofa e Befa regresan ao Principal con Os dous de sempre, inspirada no universo humorístico de Castelao. O día 19 a Sala Ángel Brage do Auditorio acolle Transeúnte, de Daniel Rodríguez, unha das pezas referenciais da corrente NeoTrad. Os días 23 e 24 será a quenda de Ubasute, de Berrobambán, o novo texto de Paula Carballeira que conxuga xéneros para colocar o foco de atención no abandono e na identidade. O 25 de abril, o Auditorio de Galicia recibe Firmamento, da compañía La Veronal, unha reflexión onírica sobre a construción da identidade na adolescencia. E a programación do mes conclúe o 29, Día Internacional da Danza, con Familia Nijinska, do colectivo VACAburra, unha conferencia escénica que recupera voces esquecidas da historia da danza.
Esta mesma disciplina artística iinaugura tamén o mes de maio: o día 7, o Teatro Principal preséntase Alén, do Colectivo Glovo, unha exploración do límite como espazo de tránsito e transformación. O sábado 8 chega Filtro, de La Dramática Errante, unha peza teatral que reconstrúe os sucesos do Hospital Filtro en Montevideo en 1994. O 10 de maio, a Sala Ángel Brage acolle Vicenta Lorca, unha creación de Óscar Cobos que revisita a figura de Federico García Lorca a través da mirada íntima da súa nai e que contará coas intepretación de Inés Salvado e Abe Rábade. O día 14, o espectáculo Esencia, reune no Auditorio de Galicia a Juan Echanove e Joaquín Climent nun texto de Ignacio García May dirixido por Eduardo Velasco. O 21 preséntase Alicia wants to, de Bengala Teatro Físico, un drama participativo sobre adolescencia, abuso e desigualdade social. O 22 será a quenda de Nortear, de Columna Balteira, unha peza onde un grupo de mulleres habita un Norte despoboado entre o político e o espectral. O mes conclúe o día 23 con Contra Ana, de La Contraria, Premio Max ao espectáculo revelación, unha autoficción sobre a anorexia e a construción da identidade.
Finalmente, o 6 de xuño o Auditorio de Galicia acolle o peche de xira de Iribarne, unha produción de ButacaZero, o Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia, que reconstrúe —desde a sátira e a irreverencia— unha figura clave da política española recente para comprender como chegamos até aquí.
Entradas
As entradas para os espectáculos poden mercarse a partir deste venres 5 de decembro, ás 11.00 horas. Case todas elas estarán dispoñibles tanto na páxina web de compostelacultura.gal como na Zona C · Punto de Información Cultural no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas. A excepción é o espectáculo ICTUS de Chévere, cuxa venda de entradas se realizará a través de ataquilla.com. Ademais, para todos os casos e sempre que existan aínda localidades dispoñibles, as entradas poderán adquirise tamén o día de cada espectáculo na sala en que este se desenvolva, dende unha hora antes do seu inicio.
Conversando e posfunción
Como complemento á programación, a tempada inclúe faladoiros que buscan afondar a experiencia creativa antes do comezo da peza (Conversando) ou tras a baixada do pano de cada sesión (Posfunción). O obxectivo é que o público poida coñecer o equipo responsable de boa parte dos espectáculos e o proceso de traballo que posibilita a realización das obras.