

O bailarín e coreógrafo presenta os días 6 e 7 de febreiro no teatro da rúa Nova o seu primeiro só de danza, arroupado en directo polo acordeón de Sabela Caamaño e o violín e a voz de Antía Ameixeiras
Esgotadas as localidades xerais, as entradas para o anfiteatro e para butacas con visibilidade reducida poranse á venda o propio día do espectáculo a partir das 19.30 horas no despacho de billetes do Teatro Principal
Fran Sieira estrea no Teatro Principal BenQuerer, o seu primeiro só de danza, unha proposta íntima e profundamente persoal acompañada pola música en directo do dúo galego Caamaño&Ameixeiras. As dúas funcións programadas, os días 6 e 7 de febreiro ás 20.30 h, esgotaron xa as localidades xerais dispoñibles, polo que o día de cada espectáculo só se poderán adquirir entradas para butacas de anfiteatro ou con visibilidade reducida a prezo reducido no propio despacho de billetes do Teatro.
Dende un punto de vista case que autobiográfico, BenQuerer sitúase nun territorio de preguntas necesarias. Que significa querer ben, quererse ben, aprender a coidarse? Nun contexto que esixe producir sen pausa e avanzar sen descanso, a peza propón a posibilidade de parar, de recoñecerse e amosarse vulnerable e de revisar os límites que asumimos —moitas veces— como propios. A partir do cotián, convídanos a reflexionar sobre a importancia do autocoidado como acto consciente e político. Concibida dende as marxes e con perspectiva de xénero, a peza fai da escena nun espazo para pensar o corpo como lugar de escoita e resistencia, nun exercicio que non remata coa función: tras os saúdos finais, BenQuerer continúa cun encontro aberto no que conversar coas artistas.
O proxecto conta con autoría, coreografía e dirección artística de Fran Sieira acompañado na dirección e no movemento por Gena Baamonde e Andrea Quintana do Colectivo VACAburra Neste só de danza, o bailarín estará arroupado polo acordeón cromático de Sabela Caamaño e o violín e voz de Antía Ameixeiras. O son é de Isaac Millán, a iluminación de Fidel Vázquez, o vestiario de Érica Oubiña e a dinamización da posfución é de Nancy Silva e Thais Núñez.
Os pases no Teatro Principal contan con diversas medidas de accesibilidade pensadas para garantir unha experiencia inclusiva. Suxeitas a confirmación tras solicitude previa, inclúen butacas preferentes e medidas de accesibilidade sensorial como mochilas vibratorias, acceso a un paseo táctil polo escenario 30 minutos antes da función, programas en braille, follas coas letras das cancións e interpretación en lingua signos do faladoiro da posfunción.
BenQuerer, Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, intégrase no Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura, unha cartografía de propostas que, partindo da danza contemporánea abordan ou se inspiran no mundo da tradición e da que tamén forman parte Transeúnte, de Daniel Rodríguez, Alén de Colectivo Glovo, e Vicenta Lorca, da Óscar Cobos compañía de danza. O espectáculo está ademais inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e contou coa colaboración das Residencias Atopémonos Bailando e do Concello de Ames. Como parte da programación de Compostela Cultura conta tamén co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago.