

Durante o mes de febreiro, catro encontros abertos ao público profundarán no proceso creativo da compañía e en cuestións fulcrais que ecoan na peza, como a construción da memoria e o seu relato, da man de integrantes de Chévere e doutras voces convidadas
Todas as actividades son de acceso libre e de balde sen necesidade de reserva e a maior parte delas contarán con interpretación en lingua de signos
Compostela Cultura presenta un programa de actividades paralelas de mediación cultural arredor de ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao), o máis recente traballo de Chévere que terá a súa estrea no Auditorio de Galicia o venres 20 de febreiro, con pases tamén o sábado 21 e o domingo 22.
Como anticipo a esa estrea, o programa propón durante todo o mes encontros, charlas e conversas abertas ao público co obxectivo de ampliar a súa experiencia teatral, achegarlle o proceso creativo da compañía e xerar espazos de reflexión compartida arredor da memoria, a política, a creación escénica contemporánea e o diálogo entre arte e sociedade.
Estas actividades paralelas arrancan o 7 de febreiro con Retrousos, unha sesión de debate que reúne voces alleas á compañía para abordar os eixes conceptuais da obra desde perspectivas xurídicas, históricas e sociais e que contará coa presenza de Aldara Cidrás, investigadora especializada no uso de fontes xudiciais para a construción da memoria da violencia golpista; Xosé Manuel Beiras, profesor, economista e político, que abordará a transmisión da memoria de Castelao e Alexandre Bóveda no pensamento nacionalista, con especial atención ao legado económico e facendístico deste último; e Leticia Vila Posada, directora de Dano Cerebral Galicia, quen realizará unha intervención divulgativa sobre o dano cerebral adquirido e os procesos necesarios para a súa recuperación. A sesión comezará ás 12.30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia e contará con servizo de interpretación en lingua de signos.
O 14 de febreiro, ás 12.30 horas, o Centro SocioCultural das Fontiñas acollerá unha Charla · Encontro co cadro A derradeira leición do mestre, o cadro de Castelao que é peza central do espectáculo. A actividade, realizada en colaboración coa Rede de Centros Cívicos de Santiago de Compostela, estará conducida por Xesús Ron, responsable da documentación, dramaturxia e dirección de ICTUS (anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao). A partir da análise da obra, abrirase unha conversa arredor do seu contexto histórico, do seu valor simbólico e da súa carga política e memorial. Presentado por primeira vez publicamente no Centro Ourensán de Bos Aires o 17 de agosto de 1945, o cadro ocupa un lugar nuclear no espectáculo de Chévere, funcionando como eixo visual, político e emocional. A actividade propón deterse nesa imaxe para pensar a relación entre arte, memoria e escena contemporánea. Tamén esta sesión contará con servizo de interpretación en lingua de signos.
O sábado día 21 de febreiro, nas horas previas ao segundo dos pases do espectáculo, integrantes da compañía reuniranse no Conversando, unha nova charla aberta co público que arrancará ás 17.30 horas no Auditorio de Galicia para afondar no proceso de investigación e desenvolvemento da peza.
E finalmente, o día 28 de febreiro, apenas unha semana despois da estrea e cando a peza aínda está viva, en movemento e en diálogo co público, a sesión Tramoia. Anatomía dunha peza teatral abrirá na Zona C un espazo no que diseccionar o proceso creativo de ICTUS: desde as primeiras intuicións e liñas de investigación ata as decisións finais de posta en escena.Ao longo da conversa coa compañía, analizaranse tamén os materiais, ideas e camiños que quedaron fóra do resultado final, mais que foron fundamentais na construción do espectáculo. Tramoia permite así achegarse ao método de creación colectiva de Chévere, ás súas dinámicas de investigación e ás tensións entre proceso, contexto e resultado artístico. Un espazo para comprender como se fai teatro hoxe e para seguir pensando a escena desde dentro. Comezará ás 12.00 horas e contará con interpretación en lingua de signos.
Todas as actividades son de acceso libre ata completar capacidade e fan parte do compromiso de Compostela Cultura cunha mediación accesible, inclusiva e orientada á creación de comunidade arredor das artes escénicas, fiel á concepción da cultura como dereito.