ARTES ESCÉNICAS · MEDIACIÓN CULTURAL
Esta charla-encontro propón unha aproximación colectiva ao cadro A derradeira leición do mestre, unha das obras máis emblemáticas de Castelao e peza central no novo espectáculo de Chévere.
A actividade, realizada en colaboración cos Centros Socioculturais de Santiago de Compostela, estará conducida por Xesús Ron, responsable da documentación, dramaturxia e dirección de ICTUS (anatomía de A derradeira leición de Castelao). A partir da análise da obra, abrirase unha conversa arredor do seu contexto histórico, do seu valor simbólico e da súa carga política e memorial.
Presentado por primeira vez publicamente no Centro Ourensán de Bos Aires o 17 de agosto de 1945, o cadro ocupa un lugar nuclear no espectáculo de Chévere, funcionando como eixo visual, político e emocional. Esta actividade propón deterse nesa imaxe para pensar a relación entre arte, memoria e escena contemporánea.
Actividade en colaboración coa Rede de Centros Cívicos do Concello de Santiago de Compostela