

O ciclo De Lugares e Órganos continúa esta semana con concertos, encontros, cinema e percorridos urbanos arredor dos órganos históricos da cidade
A memoria dos órganos extra-muros revive nun percorrido que arranca o martes ás 11 horas na praza de Mazarelos e remata cunha intervención musical no Sar
O arpista e investigador Manuel Vilas participa esa mesma tarde ás 19 horas en Vide Vide! nun encontro co público
O mércores 1 de abril, ás 20.30 horas e baixo o título 'Nel Labirinto degli affetti', o concerto do Ensemble Castillo propón unha viaxe sonora entre luces e sombras do Seicento, con obras e improvisacións de grande intensidade expresiva
O ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela continúa a súa programación cunha serie de propostas que combinan divulgación, encontro e música en directo arredor do patrimonio organístico da cidade.
Aínda quedan prazas dispoñibles para o paseo guiado que arrancará o martes 31 de marzo ás 11.00 horas na praza de Mazarelos. O percorrido Memoria silente: os órganos de Compostela de fóra, explorará a memoria histórica do órgano en espazos monásticos situados extra-muros, como os mosteiros de Santa María de Conxo, Santa María do Sar e San Pedro de Fóra. A actividade rematará na colexiata de Santa María do Sar cunha intervención musical que recuperará simbolicamente o son destes instrumentos desaparecidos.
Ese mesmo día, ás 19.00 horas en VIDE, VIDE!, o ciclo propón un encontro co arpista e investigador Manuel Vilas, que combinará explicacións e música en vivo arredor do concerto Cidades de ouro e prata co que o ensemble Ars Atántica clausurará a undécima edición do ciclo o próximo domingo. A asistencia ao encontro é libre até completar capacidade.
Na axenda dos próximos días, destaca tamén o concerto que ofrecerá o Ensemble Cantillo este mércores 1 de abril ás 20.00 horas na igrexa de San Miguel dos Agros. A formación, especializada en música antiga, e integrada por Verena Grundner (frauta de bico e guitarra renacentista), Patricia Nägele (frauta de bico), Petra Szovák (frauta de bico e fagot barroco) e Marco Primultini (órgano, clave), presenta Nel labirinto degli affetti, un percorrido pola expresividade do Seicento italiano a través de tres estados emocionais —o festivo, o salvaxe e o melancólico— nun programa que convida a unha escoita atenta e aberta ás transformacións do ánimo.
As entradas para este concerto están esgotadas pero son válidas ata 10 minutos antes do seu comezo. Pasado eses tempo, a organización porá as vacantes á disposición das persoas interesadas.
O órgano da igrexa de San Miguel dos Agros
A presenza dun órgano nunha igrexa parroquial non era habitual en Galicia, debido ao elevado custo da súa construción e mantemento, así como á necesidade de contar cun organista. En Compostela, a parroquia de San Miguel dos Agros, unha das máis antigas da cidade, puido afrontar este investimento grazas á súa sólida economía, baseada en doazóns e fundacións da freguesía, incorporando así o instrumento no século XIX.
O órgano actual foi construído en 1842 polo organeiro da Catedral Pedro Méndez de Mernies e responde ao modelo do órgano barroco ibérico. De dimensións axeitadas ao templo, mantívose en uso durante décadas ata quedar deteriorado a finais do século XX. A súa restauración en 2001 permitiu recuperar un instrumento de gran valor histórico e musical, que hoxe forma parte do patrimonio sonoro da cidade.