ENSEMBLE CANTILLO · NEL LABIRINTO DEGLI AFFETTI

DATOS BÁSICOS

XI CICLO DE LUGARES E ÓRGANOS · MÚSICAS E OUTRAS PAISAXES DE COMPOSTELA

Verena Grundner, frauta de bico, guitarra renacentista

Patricia Nägele, frauta de bico

Petra Szovák, frauta de bico, fagot barroco

Marco Primultini, órgano, cravo

NEL LABIRINTO DEGLI AFFETTI. AFECTOS EN TRÁNSITO NO SEICENTO ITALIANO

O Ensemble Cantillo, fundado por Verena Grundner, nace en 2023 como conxunto barroco residente dos Barocktage da Stift Melk, na Baixa Austria. Trátase dun grupo de intérpretes multiinstrumentistas de vento en combinación con instrumentos de tecla que, a pesar da súa mocidade, posúen xa unha longa experiencia concertística, iniciada durante os anos de estudos en Viena, con numerosos proxectos dentro e fóra de Austria. O ensemble destaca pola súa capacidade para combinar música antiga con outros xéneros como o jazz, o pop e as artes escénicas. En 2026 presentarán o seu proxecto Circo Musical Cantillo, onde música antiga e acrobacia conviven en escena, nunha aposta por crear novas experiencias musicais vivas e accesibles ao público.

O programa artéllase arredor de tres dos afectos característicos da música italiana do Seicento —o festivo, o salvaxe e o melancólico—. A viaxe comeza cunha atmosfera luminosa co esplendor do Ballo del Granduca, un dos ostinati máis célebres do primeiro Barroco, seguido de pezas como a Toccata cromática ou unha Folía, cheas de movemento, contrastes e vitalidade rítmica. A partir de aquí o programa avanza cara a cores máis escuras e recollidas, que van deixando espazo para a melancolía. O tránsito entre luces e sombras e a intensidade expresiva da música entrelázanse de maneira natural, convidando a unha escoita atenta e aberta ás transformacións do ánimo nun verdadeiro labirinto de afectos.

Duración: 
60 min (aprox)
Acceso: 

De balde, previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) a partir do martes, 24 de marzo 

  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar onde esta se celebre desde unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.
  • A apertura de portas terá lugar aproximadamente media hora antes da hora de comezo dos concertos e actividades.

 

Info práctica: 
Mércores, 1 Abril, 2026
20:00
Igrexa de San Miguel dos Agros