XI CICLO DE LUGARES E ÓRGANOS · MÚSICAS E OUTRAS PAISAXES DE COMPOSTELA
MEMORIA SILENTE: OS ÓRGANOS DE COMPOSTELA DE FÓRA
OUTRAS PAISAXES, OUTROS TONS DA CIDADE
Na Idade Media fundáronse, fóra do perímetro amurallado da cidade de Santiago, tres mosteiros: Santa María de Conxo, Santa María do Sar e San Pedro de Fóra. Co paso dos séculos, a documentación conservada dá noticia da existencia dun órgano en dous deles: en Conxo e no Sar. Tomando como punto de partida esta presenza monacal extra muros, e logo de recordar brevemente a historia destes espazos, exploraremos a profunda relación entre o órgano e as ordes relixiosas —un vínculo que segue vivo na actualidade—, e comentaremos o que sabemos destes instrumentos desaparecidos e dos mestres que os construíron.
O evento principal terá lugar na colexiata do Sar, onde finalizaremos cunha pequena intervención musical que lle devolverá ao templo o son dun órgano portativo, recuperando simbolicamente os sons que puideron escoitarse outrora nestes espazos.