XI CICLO DE LUGARES E ÓRGANOS · MÚSICAS E OUTRAS PAISAXES DE COMPOSTELA
Magali Revollar, Diego Blázquez, voces
Marco Brescia, órgano
Sara Ruíz, viola da gamba
Aland López, guitarra
Manuel Vilas, arpa vicerreinal peruana e dirección
CIDADES DE OURO E PRATA. MÚSICA ENTRE ESPAÑA E O VICERREINADO DO PERÚ
O ensemble Ars Atlántica, dirixido polo arpista Manuel Vilas, presenta en primicia para a clausura do festival Cidades de Ouro e Prata, un proxecto nacido dun coidadoso labor de investigación que recupera un patrimonio musical fermosísimo e case esquecido. O programa percorre músicas dos séculos XVII, XVIII e XIX, nun diálogo vivo entre a Península Ibérica e o antigo Vicerreinado do Perú. Repertorios sacros en latín e quechua —procedentes de cidades como Ayacucho e Cuzco—, músicas do ámbito vicerreinal andino como yaravíes e un singular harawi de tradición incaica, conviven neste concerto cheo de contrastes, cor e memoria. Inclúense tamén obras procedentes do arquivo musical do Seminario de San Antonio Abad de Cuzco, unha das fontes máis valiosas para coñecer a música peruana.
O elenco instrumental ofrecerá unha ampla paleta sonora, con instrumentos que gozaron dunha notable presenza no Perú vicerreinal: desde o órgano de tubos até a arpa peruana e a omnipresente guitarra, que definiron o son do Barroco hispano a ambos lados do Atlántico.