

A gala de clausura do festival será o domingo ás 21.00 h no Teatro Principal de Santiago de Compostela e incluirá a presentación da última longametraxe do director Ángel Santos
No acto daranse a coñecer tamén os premios de Xurado Novo e Xurado Oficial
A programación da fin de semana reúne estreas destacadas como Kontinental ’25, Météors, ou Unha pantasma útil e o maratón nocturno no Teatro Principal
Cineuropa despedirá este domingo a súa 39ª edición coa proxección de Así chegou a noite, a esperada nova longametraxe do cineasta galego Ángel Santos, que pechará o festival ás 21.00 horas no Teatro Principal nunha sesión que contará coa presenza do equipo do filme. A estrea en Galicia supón un dos momentos máis destacados desta edición, marcada pola resposta masiva do público e pola diversidade dunha programación que reuniu algunhas das obras máis relevantes do cinema europeo contemporáneo.
Un drama sobre o illamento, a memoria e a necesidade de fuxir
Rodada en galego e castelán e ambientada na costa galega, Así chegou a noite (2025) narra a historia dun escultor que instala o seu obradoiro nunha zona rural afastada. O que comeza como unha procura de soidade remata converténdose nun proceso de illamento total, no que o protagonista se distancia de amigos e familiares. A chegada inesperada dunha antiga amante obriga a poñer en cuestión o seu desexo de desaparecer e afronta unha reflexión íntima sobre a vulnerabilidade, o retiro e a posibilidade —ou necesidade— dunha nova fuxida.
Protagonizada por Denis Gómez, Violeta Gil e Miquel Insua, a película conta cun equipo creativo encabezado por Ángel Santos e Pablo García Canga no guión, Iván Castiñeiras na fotografía e Marcos Flórez na montaxe. A produción corre a cargo de Alfonso Zarauza, Ángel Santos e Daniel Froiz.
Durante a gala de clausura tamén se darán a coñecer os premios do Xurado Oficial e do Xurado Novo. A gala de clausura é de acceso libre previa retirada de convites, que xa están dispoñibles no despacho de billetes da Zona C e na web de compostelacultura.gal.
As proxeccións destacadas da fin de semana
Esta noite, a partir das 21.30 horas, o Teatro Principal acollerá o esperado maratón de Cineuropa, unha auténtica celebración para os amantes do cinema fantástico e de xénero.
A fin de semana chega tamén cunha selección de filmes que acadan os primeiros postos de interese entre o público e a crítica. Entre eles destaca Kontinental ‘25 (Romanía, 2025), do prestixioso cineasta Radu Jude. O filme, galardoado co Oso de Prata ao Mellor Guión na Berlinale 2025, segue a Orsolya, unha alguacil de Cluj que se enfronta ás contradicións morais do seu traballo cando un desafiuzamento desencadea unha crise inesperada. Jude, figura central do cinema europeo contemporáneo, volve exhibir a súa mirada crítica e irreverente sobre a sociedade romanesa.
Tamén chega esta fin de semana Météors (Francia, 2025), de Hubert Charuel. Seleccionada en Unha Certa Ollada do Festival de Cannes 2025, a película retrata a amizade e as desigualdades de tres mozos da Francia rural que, empurrados pola precariedade e a falta de oportunidades, acaban traballando nun vertedoiro nuclear. Charuel desenvolve aquí unha nova inmersión no mundo rural francés, fiel á sensibilidade que xa amosara en Petit Paysan.
Completando esta sección de títulos imprescindibles, Pee Chai Dai Ka (Unha pantasma útil) (Tailandia, 2025), primeira longametraxe de Ratchapoom Boonbunchachoke. Gañadora do Gran Premio da Semana da Crítica en Cannes 2025, a película ofrece unha das propostas máis orixinais da edición: un relato insólito no que unha muller morta regresa convertida en aspirador para axudar o seu marido a liberar unha fábrica tomada por espíritos. Unha obra que combina emoción, humor e metafísica nun equilibrio tan sorprendente como delicado.
Cineuropa despídese así cunha combinación de propostas que volven confirmar a diversidade e a vitalidade da súa programación, e coa complicidade dun público que un ano máis encheu as salas e converteu Santiago de Compostela nun territorio plenamente entregado ao cinema.
Sedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abrirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos están á venda no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.
Apoios e colaboracións
Cineuropa é un festival organizado polo Concello de Santiago de Compostela, co apoio do Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña, e a colaboración de diferentes institucións como o Instituto Camões, a Xunta de Galicia - AGADIC e a Universidade de Santiago de Compostela, alén doutras entidades culturais e empresariais da cidade.

