

O realizador de filmes como Volveréis, ou Tenéis que venir a verla recolleu de mans da alcaldesa da cidade o máximo galardón do festival
O acto de entrega do Premio Cineuropa a Jonás Trueba concluíu coa proxección de dúas das primeiras obras do cineasta, Miniaturas e Los Ilusos
O festival Cineuropa entregou este xoves o último dos premios de 2025 cos que recoñece a traxectoria de cineastas singulares que contribúen a ampliar as fronteiras do cinema e a defender o seu valor como ferramenta de liberdade e reflexión. Jonás Trueba recolleu no Teatro Principal o Premio Cineuropa de mans da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín Rei, nun acto conducido pola actriz Susana Sampedro, que contou tamén coa intervención do director do festival, José Luis Losa.
Nela, o director de Cineuropa mencionou o especial vínculo de Jonás Trueba cun festival que visitou por primeira vez quince anos atrás, coa súa ópera prima Todas las canciones hablan de mi, e ao que volveu en múltiples ocasións. A seguir, puxo en valor o carácter sensible e aberto do seu cinema: "Jonás, coma as súas personaxes, alimenta o seu cinema de dúbidas que, no fondo, é un material do que todos estamos feitos. Por iso, neste tempo de imposicións e de verdades absolutas, é tan necesaria a mirada de Jonás, a súa xenerosidade á hora de crear, de crer ou descrer, de compartir de deducarnos a todos os seus ilusos".
A alcaldesa Goretti Sanmartín aludiu aos seus filmes como "un manifesto do cinema como experiencia partillada, que entronca co que significa Cineuropa: o cinema como acto colectivo".
Jonás Trueba, na súa intervención tras recoller o premio (Foto: Javier G. Sobrado)
Trueba manifestouse "moi honrado" de recibir o galardón dun festival amigo do que "garda verdadeiramente "bos recordos e boas enerxías" e tras o aplauso do público deu el mesmo paso aos dous filmes que se proxectaban esa noite, Miniaturas e Los ilusos.
Coa entrega do Premio Cineuropa, o festival distingue un cineasta cuxa obra, profundamente humanista e luminosa, marcou o pulso emocional do cinema español e europeo das dúas últimas décadas. Recoñece así unha traxectoria que combina sensibilidade, intelixencia narrativa e unha reflexión constante sobre a memoria, o tempo e a esencia mesma das relacións humanas.
O cineasta Jonás Trueba e a realizadora e actriz Itsaso Arana, acompañados da alcaldesa Goretti Sanmartín, o director do festival, José Luis Losa e representantes da corporación municipal (Foto: Javier G. Sobrado)