

O ciclo leva o venres á Igrexa da Universidade o concerto ‘Dic nobis spiritus’, no que Javier María López Rodríguez presenta a reestrea obra participativa inspirada na peza teatral ‘Ordet’, do danés Kaj Munk
O órgano do convento do Carme será o protagonista do concerto ‘Cidades de ouro e prata’ co que o ensemble Ars Atlántica pecha este domingo a undécima edición do De Lugares e Órganos
O ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela entra na súa recta final cunha fin de semana de concertos que conectan tradición, creación contemporánea e recuperación do patrimonio musical.
O venres 3 de abril ás 20.00 horas na igrexa da Universidade terá lugar Dic nobis spiritus, un programa que inclúe a reestrea d’A verba, unha obra participativa do compositor Javier María López Rodríguez. Inspirada na obra teatral Ordet de Kaj Munk —e tamén levada ao cinema por Carl Theodor Dreyer—, a peza constrúe un relato sonoro no que conflúen a polifonía medieval e renacentista, a improvisación e a exploración tímbrica do órgano e dos instrumentos de vento.
A proposta incorpora ademais a participación activa do público e artéllase arredor da secuencia Victimae paschali laudes, establecendo un diálogo entre palabra, música e espiritualidade. Como antesala do concerto, ás 19.00 horas —e a modo preparación para a escoita—, desenvolverase un encontro co autor, acompañado polo teólogo e director musical da catedral Óscar Valado Domínguez e polo especialista en cinema Xan Gómez Viñas, que afondarán nas claves musicais, cinematográficas e simbólicas da obra.
A programación do ciclo concluirá o domingo 5 de abril ás 20.00 horas na igrexa do convento do Carme co concerto Cidades de ouro e prata, a cargo do ensemble Ars Atlántica, dirixido por Manuel Vilas. O programa propón unha viaxe musical entre a Península Ibérica e o antigo Vicerreinado do Perú a través de repertorios dos séculos XVII ao XIX, combinando músicas sacras en latín e quechua con formas tradicionais andinas.
Con Magali Revollar e Diego Blázquez nas voces, Marco Brescia no órgano, Sara Ruíz na viola da gamba, Aland López na guitarra e Manuel Vilas na arpa vicerreinal peruana, o concerto destaca pola súa riqueza tímbrica e pola recuperación de fontes históricas como o arquivo musical do Seminario de San Antonio Abad de Cuzco, ofrecendo un diálogo entre tradicións que comparten unha mesma raíz cultural. O son do órgano, xunto coa arpa vicerreinal, a guitarra e outros instrumentos históricos, constrúe unha paisaxe sonora de grande intensidade e valor patrimonial.
As localidades para ambos os concertos están esgotadas pero os convites serán válidos até 10 minutos antes do inicio de cada evento. Pasado ese tempo, a organización poderá facer uso das prazas vacantes.
Toda a información actualizada pode consultarse en compostelacultura.gal.
O órgano da igrexa da Universidade
A presenza do órgano na igrexa da Universidade está ligada á chegada, en 1767, dos racioneiros da confraría do Sancti Spiritus, tras a expulsión dos xesuítas. Estes relixiosos, cun papel destacado nas liturxias catedralicias e cunha forte vinculación co canto, introducen o uso dun órgano positivo —de pequeno tamaño— e contan ademais cun organista estable, o que evidencia a importancia da música no culto.
A comezos do século XIX decídese a construción dun órgano de maior entidade, encargado ao organeiro Manuel Sanz, formado no obradoiro real de Pedro Liborna Echevarría. O instrumento, rematado en 1802 tras unha importante inversión económica, foi considerado de grande calidade, aínda que co paso do tempo entrou en deterioro. Xa no século XX quedou inutilizado, ata a súa restauración en 1998 polo taller de Gerhard Grenzing, que permitiu recuperar unha peza destacada da organaría histórica galega.
O órgano da igrexa do convento do Carme
O órgano do convento do Carme, fundado en 1758 por María Antonia de Xesús, insírese no contexto dun mosteiro de clausura das Carmelitas Descalzas, no que a música formaba parte da vida espiritual da comunidade. O instrumento actual foi construído en 1868 polo organeiro palentino José Otorel, mestre da catedral dePalencia e figura de ampla traxectoria no seu oficio.
Trátase dun órgano de dimensións modestas, adaptado ao uso dun coro conventual, cun teclado de 56 notas partido e oito rexistros por man, o que permite unha notable variedade tímbrica. Este é o único órgano que Otorel construíu en Galicia, dentro dunha tradición de vínculos entre os organeiros da catedral de Palencia e o territorio galego, que se estende ao longo de varios séculos.
[Na imaxe, detalle do órgano da igrexa da Universidade]


