Danza, literatura, música, circo e cinema na terceira semana do Festival C

A compañía de danza LASALA estrea en Galicia ‘Fight’, un espectáculo que aborda a loita como elemento esencial do ser humano

Luz Pichel e Elvira Ribeiro toman a palabra no segundo encontro do ciclo ‘Poemas no estío’

A soprano Esperanza Mara e a compañía Vella Escola mesturan ópera e ritmos urbanos en Opera Break’s

O humor sen palabras da Companía Bergamotto chega o xoves á Alameda

O Festival C alcanza o seu ecuador e proponnos unha nova semana de actividades para gozar do tempo de lecer. O luns 16, ás 20.00 horas, o cemiterio do parque de Bonaval servirá de escenario á representación dunha das últimas creacións da compañía de danza contemporánea LASALA. Fight explora a relación do ser humano coa loita, presente desde o inicio dos tempos. Un elemento que a compañía abraza como fundamental na vida en xeral e na danza en particular. Dirixida pola coreógrafa e bailarina Judith Argomaniz, e integrada por artistas da danza e a fotografía, LASALA caracterízase pola continua indagación das posibilidades da linguaxe física e a procura constante dunha estética actual ao servizo das reflexións e inquietudes do equipo. O apoderamento feminino é unha das chaves das pezas de Argomaniz, como tamén o é a esixencia física cara á exploración da riqueza do movemento. O espectáculo forma parte do circuíto Danza a escena do INAEM.

Fight, de LASALA

Os contos no parque continúan o martes 17. Soraya Lema preséntanos Aldara na montaña, a historia dunha nena que inicia a súa primeira viaxe lonxe da casa. Inspirado nos poemas de Pondal, este conto constitúe unha historia de superación e de busca da identidade propia, ao tempo que pon en valor o noso patrimonio natural e cultural. A sesión, que forma parte do programa Apego, arrinca no arco do parque de Bonaval ás 18.00 horas. É de balde previa reserva en reservas.gal.

Ás 20.00 horas, a praza de Mazarelos acollerá un novo encontro de danza. Opera Break´s é un espectáculo entre disciplinas para todos os públicos, unha mestura de ópera, breakdance, beatbox e Dj nunha única función de gran calidade artística que agroma da conexión da soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. A peza dilúe as barreiras entre o clásico e o urbano para convidar o público a abandonar os esquemas preestablecidos.

Fotograma de Malmkrog, de Cristi Puiu 

Coa noitiña, ás 21.30 horas, o parque da Alameda virará de novo en sala de cine coa proxección de Malmkrog (2019), do cineasta romanés Cristi Puiu. Considerado o seu filme máis cerebral, é unha adaptación ao cinema do texto escrito polo poeta e filósofo ruso Vladimir Solovyev que destaca pola súa coidadísima ambientación e posta escena. Este ciclo de proxeccións conta coa colaboración do Instituto de Cultura Romanés.

A próxima semana, o festival mantén tamén a súa cita coa formación nas artes circenses. O mércores día 18, de 11.30 a 13.30 h, Circonove desenvolverá o seu obradoiro de circo no exterior do Centro Xove da Almáciga. Acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e creación de xoguetes malabares para nenas e nenos de 6 a 14 anos. A participación está limitada a 25 participantes, que deben solicitar praza en circonoveoficina@gmail.com.

A seguir coa programación do mércores, ás 20.00 horas, celebraremos o segundo dos encontros do ciclo "Poemas no estío". A Zona C acubillará a sesión Cando as poetas dialogan, un encontro no que Luz Pichel e Elvira Ribeiro nos farán partícipes dos elos que as unen, as xenealoxías e complicidades a través das súas obras. A sesión brinda a oportunidade de descifrar un territorio, de presenciar o ritmo, o silencio, a cadencia e a oralidade compartida entre estas poetas de Alén e Cequeril.

 

Pasquale Marino, da Cía Bergamotto.

Xa o xoves, ás 20.00 horas a compañía Bergamotto volve á Alameda cun espectáculo para público familiar. Gañadores do premio do público no XIII Encuentro Entrepayasaos de Zaragoza, e tamén da votación popular nos XI premios Zirkòlika de Cataluña en 2020, traen á cidade o Bergamotto Show, unha comedia simple, doce e espontánea, baseada unicamente na linguaxe xestual, nos xogos e a improvisación constante co público para facelo transitar polo sorriso, o suspiro, a énfase, a espera, o estupor e a tenrura.

Ademais, até o 3 de outubro continúa na Zona C a mostra Ruxe Ruxe (1996-2021): 25 anos de universo gráfico. Esta exposición dos deseños que acompañaron a andaina musical da banda de rock máis lonxeva de Compostela pode ser visitada de martes a sábado de 11 a 14 horas sen necesidade de reserva.

Festival C 2021

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés.

O acceso aos espectáculos é de balde previa retirada de convite na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural de martes a sábado de 11 a 14 horas.