A danza de Pisando Ovos e o circo flamenco de Chicharrón volven a próxima semana á escena compostelá co Festival C

A compañía de danza de Rut Balbís cumpre 15 anos de traxectoria e celébrao coa peza ‘Replay Especial’ no parque de Bonaval

Chicharrón Circo Flamenco visita Compostela con ‘Sin Ojana’, un espectáculo sobre a liberdade que combina malabares e ritmos flamencos

O Festival C abre a súa segunda semana coa celebración do 15 aniversario da compañía galega de danza Pisando Ovos. O vindeiro luns, día 9 de agosto, a súa directora e tamén intérprete, Rut Balvís proponnos, a modo de festexo, un encontro con artistas emerxentes da danza de Galicia que bailarán ao son da música en directo de Jas Processor.  En Replay Especial, Pisando Ovos conta coa compaña da danza de Alba Fernández Cotelo, Julia Laport e Sabela Domínguez, integrantes de Elahood e Exire, e tamén da música en directo de Nacho Muñoz. A función comeza ás 20.00 horas no cemiterio do parque de Bonaval. O acceso é de balde previa retirada de convite. 

O xoves día 12, o paseo central da Alameda servirá de escenario para a representación de Sin Ojana, un espectáculo da compañía Chicharrón Circo Flamenco que fusiona danza e malabares e que supón un canto á liberdade. Sin Ojana significa "sen mentiras" e, baixo ese lema, a peza propón unha mestizaxe de artes que nos atrapa entre o humor e o drama para encher de lunares as nosas vidas. O espectáculo recibiu en 2020 o Primeiro Premio Panorama CIRCADA xunto con outros 13 premios do xurado. Recomendado para público a partir de 13 anos, comeza ás 20.00 horas no paseo central da Alameda. 

Ambos eventos son de balde previa retirada de convites que xa están dispoñibles en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. O seu horario en agosto é de martes a sábado, de 11 a 14 h.

No caso de que as entradas non se esgoten antes de cada evento, repartiranse desde media hora antes do seu inicio no mesmo lugar de celebración.

A próxima semana, o festival mantén  tamém a súa cita coa formación nas artes circenses. O mércores día 11, de 11.30 a 13.30 h, Circonove desenvolverá o seu obradoiro de circo no exterior do Centro Xove da Almáciga. Acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e creación de xoguetes malabares para nenas e nenos de 6 a 14 anos. En caso de choiva, o obradoiro trasladarase ao interior do centro. Cómpre reservar praza en  circonoveoficina@gmail.com indicando o nome da nena ou o neno participante, a súa idade, os  datos da persoa responsable e o teléfono de contacto. A participación está limitada a de 25 participantes por día.

 

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña, Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés. Alén do Teatro Principal e as salas de concertos e exposicións do Auditorio, as actividades aproveitan a riqueza paisaxística de Compostela e espállanse polas prazas e rúas do casco histórico e os parques da Alameda, Bonaval, Galeras, ou Vista Alegre para que poidamos gozar do verán en Santiago.