A residencia Colapsoloxías despide esta semana mes e medio de experimentación colectiva arredor do son

Cinco concertos, tres novas sesións de escoitas circulares e un itinerario para coñecer o ritmo e a sonoridade dos morcegos pechan a programación desta iniciativa ao abeiro do Festival C

O encontro Colapsoloxías, un espazo aberto ao intercambio e á investigación arredor son e das súas interseccións, chega esta semana á súa recta final. Promovido por Colapso Colectivo e concibido como unha residencia artística aberta á cidadanía, marcou a axenda cultural do verán con concertos, presentacións, paseos, e laboratorios de creación ideados para achegar unha nova forma de se relacionar coa paisaxe sonora de Compostela e aguilloar unha perspectiva crítica na escoita e na percepción do que nos rodea. Nesta que é a súa semana de despedida, programa numerosas actividades que centran a axenda do Festival C.

Do luns 9 ao xoves 12, a Sala de Exposicións do Auditorio de Galicia acollerá o laboratorio de creación Explora Soundsystem. Da man colectivo Dub Mono HIFI, un proxecto autoxestionado en Santiago de Compostela no que conflúen profesionais da música e o son con experiencia en estilos diversos, achegámonos á construción artesanal de sistemas de son propios cos que experimentar coas diferentes estéticas musicais e impulsar a escena local. 

 

O martes 11 ás 10.00 horas Juan Pardo XXI conducirá o obradoiro “Iniciación práctica á electrónica de guerrilla” para a construción de trebellos cos que facer ou procesar música. Está dirixido a xente que teña un estañador e interese na construción de proxectos de síntese primitiva. A aproximación é 100% práctica e dende o punto de vista dunha persoa sen ningún coñecemento de electrónica. O proxecto será unha “serea dub”, un oscilador básico e bo de facer para calquera persoa que estea empezando. Hai 10 prazas dispoñibles que deben ser solicitadas no correo info.colapso@gmail.com.

Tamén o martes ás 19.00 horas, na Sala circular do Auditorio, Colapsoloxías convidaranos a coñecer o traballo de Avon Terror Corps, un colectivo con sede en Bristol que reúne boa parte dos artistas sonoros e selos musicais máis feroces e arriscados da cidade británica, como Giant Swan, Bokeh Versions, ex alumnos de Noods Radio, Slack Alice, Burden Imprint e SCHWET entre os seus integrantes. Múltiples propostas sonoras, desde o ruído salvaxe até os ambientes sutís, cun gran enfoque na colaboración dentro do grupo. 

Un pouco máis tarde, ás 20.45 horas e con saída dende o Auditorio, arrancará un dos itinerarios cos que este encontro procura que descubramos os sons que forman parte da nosa contorna e que decote pasamos por alto. O grupo Sorex, formado por especialistas en bioloxía e xestión ambiental, conducirá o paseo “O que non se escoita”, un percorrido nocturno polos parques e zonas verdes da cidade no que empregarán detectores de ultrasóns para podermos escoitar os morcegos que conviven connosco. Malia ser no exterior, esta actividade está limitada a 20 persoas, polo que é preciso reservar praza en compostelacultura.gal. 

A programación semanal inclúe dúas sesións especiais para coñecer o traballo e a traxectoria de dous experimentadores do son. As “Escoitas circulares” achegarannos o xoves 13 de agosto á figura de Manuel Prieto Álvarez, perpetuo estudoso da acústica e a electrónica na procura da alta fidelidade como pureza musical. A sesión comezará ás 12.30 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O día seguinte, ás 18.30 horas, o ciclo centrarase no labor de Yago Portela Seijo, un luthier da música electrónica, autor de diferentes enxeños deseñados para a captación e reprodución que marcan un fito na historia tecnolóxica e musical de Galicia.

O calendario de concertos abre o mércores 11 ás 20.30 horas coa intervención de Ben Vince. A Sala Mozart do Auditorio acollerá a actuación deste compositor e intérprete sorprendente, coñecido polas súas exploracións de saxofón improvisado en vivo e as súas técnicas inventivas para crear novos ritmos, texturas, espazos e ambientes. 

EP/64 (The Ephemeral Project/64) é un sutil combo de improvisación salvaxe, con xeometría variable, formado pola crúa vocalista Dali de Saint Paul (Harrga / Viridian Ensemble). O xoves 12 ás 20.30 h tomará o aparcamento subterráneo do Auditorio para mergullarse libremente nas interaccións entre os seus elementos dirixindo así a enerxía da música e evolucionando entre xéneros ás veces rodeados de imaxes creadas por artistas locais.

O venres 13 ás 20.30 hora chegará a quenda das Colaxes Sonoras de Chapa, un proxecto comunitario concibido por Chago e Pablo Electrocute, inspirado nas parolas de taberna e o rexeitamento ao fetichismo polos sintetizadores, que resulta en músicas encantadoramente fráxiles entre desviacións dúctiles de texturas orgánicas e sons ambientais.

Tropa Macaca fará a súa aparición o sábado 14 ás 20.30 h. O dúo que conforman André Abel e Joana da Conceição ofrecerá na Sala Mozart do Auditorio unha mostra da música poética que os levou a gravar con selos como Siltbreeze, Software e The Trilogy Tapes. 

O broche final das Colapsoloxías porao Azido Folklórico o domingo 15. Ás 17.00 horas arrancará no parque de Vista Alegre un concerto deste proxecto efémero que fai converxer imaxe e música electrónica de vangarda na pista de baile. Nel conflúen artistas que deambulan entre o risco e a experimentación. Artistas entusiastas na procura de novos estímulos, alleos a modas e circuítos epidérmicos. Coa reivindicación do erro e a desvergoña por enriba de técnica e virtuosismo e dende unha cotiandade lúdica e transgresora, Harrga, Dj Marcell, Infinit Spirit Music e Ben Vince despiden este mes e medio de investigación sonora colectiva. 

Contos, cinema e poesía. 

Completando a axenda desta semana, o Festival C mantén a súa cita co público miúdo a través da sesións de Contos no Parque promovidas polo programa APEGO. No parque de Bonaval principiará ás 18.00 horas Rosa e Azul, un espectáculo de narración oral dirixido ao público familiar que queira gozar das novas narrativas da literatura infantil en lingua galega. Victoria Pérez e Manu Fernández conducirán unha sesión de contos teatralizados, que celebra a diversidade e que racha cos estereotipos de xénero e o binarismo imposto dende que nacemos. A través da manipulación de xoguetes e monicreques artesáns, a sesión mestura historias reais con contos de ficción que xiran en torno ao respecto, o amor, a tolerancia e a diversidade.

 

O martes haberá tamén lugar para o cinema no parque na Alameda. A seguir coa proxección de destacados filmes do cinema romanés, veremos daquela Cardinalul [O Cardeal, 2019], unha película de Nicolae Mărgineanu á que a Unión de Cineastas de Romanía concedeu o premio ao mellor guión e tamén o de mellor actor para Radu Botar. Ioan Andrei Ionescu, Richard Bovnoczki e Cristi Iacob completan o elenco de protagonistas. A sesión, que comeza ás 21.30 horas, conta coa colaboración do Instituto de Cultura Romanesa. 

Na súa segunda semana, o Festival C inaugura o ciclo Poemas no estío, que espallará recitais e lecturas poéticas por distintos puntos da cidade. Neste encontro entre o verso recitado e cantado, Anxo Angueira e Secho traerannos os ecos do clásico contemporáneo O valo de Manselle, poemario que vén de celebrar o seu XXV aniversario. No paseo da Ferradura ouviremos algúns dos seus poemas máis célebres acompasados polas melodías de Secho. Dúas voces únicas para non perder, que comparten o rumor do Ulla, a luz nas brañas de Laíño. 

Festival C 2021

Organizado pola Concellaría de Acción Cultural, coa xestión do Auditorio de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago, o Festival C esténdese do 2 ao 31 de agosto por numerosos espazos da cidade e conta coa colaboración doutros programas e institucións como o circuíto Danza a Escena do INAEM ou o Instituto de Cultura Romanés.