

A compañía galega Ibuprofeno Teatro presenta ‘Reconversión’, unha obra de Santiago Cortegoso con dúas funcións, o xoves e o venres ás 20.30 horas, no Teatro Principal
Na tarde do sábado, Teatro de la Abadía leva ao escenario do Auditorio de Galicia ‘Los Yugoslavos’, unha peza con texto e dirección de Juan Mayorga
A programación escénica de Compostela Cultura propón esta semana dúas citas dirixidas ao público adulto que afondan, desde linguaxes moi distintas, na memoria colectiva e no poder da palabra. Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, e Los Yugoslavos, de Teatro de La Abadía, levan ao Teatro Principal e ao Auditorio de Galicia dous traballos que conectan o íntimo e o político coa experiencia contemporánea.
Reconversión, de Santiago Cortegoso, constrúe un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión do sector naval na Ría de Vigo (Foto: Diego Seixo)
O xoves 29 e o venres 30 de xaneiro, ás 20.30 horas, o Teatro Principal acolle Reconversión, un espectáculo de gran formato escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. A obra constrúe un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión do sector naval na Ría de Vigo a partir da historia persoal do pai do autor, traballador do estaleiro Ascón durante trinta anos. A súa peripecia vital funciona como espello dunha xeración marcada polo peche da factoría en 1984 e polas mobilizacións sociais dos anos 70 e 80.
No elenco, Artur Abad, Graciela Carlos, Santiago Cortegoso, César Goldi, Celia González, Davide González, Fran Lareu e Nani Matos prestan corpo e voz a distintas personaxes e interpretan en directo a banda de son deseñada e dirixida por Alonso Caxade. Así Reconversión propón unha experiencia escénica na que música, palabra e corpo dialogan co pasado recente desde unha mirada actual. O pase do xoves 29 contará cunha posfunción ao remate da representación na que o público asistente poderá conversar co equipo da peza.
As entradas para a función (12 € con descontos do 50% para diferentes colectivos) pódense adquirir en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. De quedaren localidades dispoñibles, tamén será posible mercalas no despacho de billetes do Teatro o mesmo día da función dende as 19.30 horas. Este espectáculo está integrado na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia.
Luis Bermejo (esquerda) e Javier Gutiérrez (dereita) , xunto con Marta Gómez e Alba Planas, conforman o elenco de Los Yugoslavos (Foto: Javier Mantrana)
A programación continúa o sábado 31 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, con Los Yugoslavos, de Teatro de La Abadía. A partir dun encontro aparentemente cotián, a obra desprega unha delicada reflexión sobre o amor, a tristeza e a necesidade de atopar un lugar propio. Dous homes que intercambian palabras e dúas mulleres que intercambian mapas protagonizan esta historia arredor dun lugar que funciona como metáfora dun territorio compartido pola perda e a procura.
Esta obra, con texto e dirección Juan Mayorga, reúne en escena a Luis Bermejo, Javier Gutiérrez, Marta Gómez e Alba Planas. As entradas xa están esgotadas.