A Tropa C inaugura o ano con teatro, circo e xogos para gozar da cultura en familia

Tres propostas no Teatro Principal e na Casa das Máquinas conforman a programación da Tropa C durante a última fin de semana de xaneiro, cunha oferta diversa, accesible e pensada para públicos de todas as idades
 

Compostela Cultura continúa a despregar no mes de xaneiro o universo da Tropa C, a campaña e programación dirixida ao público familiar que converte a cidade nun espazo compartido de aprendizaxe, emoción e cultura. A recta final do mes reúne tres propostas que combinan teatro, circo contemporáneo e xogo libre, en liña cos valores dunha programación pública inclusiva, participativa e afastada de lóxicas mercantilistas.

O sábado 24 de xaneiro, o Teatro Principal acolle Matres, da compañía Campi, un espectáculo dirixido ao público a partir de 6 anos que aborda, cunha mirada sensible e chea de humor, cuestións como a maternidade, a perda e o crecemento. A través da historia dun neno criado por tres mulleres —nai, avoa e tía—, a peza propón un relato sobre a vida, a memoria e a superación, interpretado por catro actrices ao servizo dunha narración emotiva e próxima. Esta peza de teatro de máscaras recibiu en 2025 o Premio á Mellor Autoría na FETÉN (Feria Internacional de Artes Escénicas para nenos, nenas e familias). A función terá lugar ás 18.00 horas, con entradas a un prezo de 3 euros, dispoñibles xa na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural (aberta de martes a sábado, en horario de 11 a 14 e de 16 a 19 horas). Tamén se poderán adquirir o propio día da función no despacho de billetes do Teatro Principal a partir das 17 horas.

Xa na Casa das Máquinas, espazo central do eixe A Tropa C na Casa, a programación de xaneiro aposta polo xogo e polo circo como linguaxes fundamentais da infancia. O domingo 25 de xaneiro, entre as 11.00 e as 13.00 horas, haberá unha nova sesión de Xogos Miudiño, unha actividade gratuíta dirixida a crianzas de entre 1 e 12 anos que convida a redescubrir brinquedos tradicionais e trebellos para a exploración musical. Zancos, aros, tiracroios ou xogos de puntería e equilibrio conforman un espazo de xogo libre e interxeracional que promove a experimentación, a creatividade e o goce compartido.

A programación complétase o venres 31 de xaneiro con Enredos. Manufacturas imposibles, da compañía A Vela Circo. Pensado para público a partir de 3 anos, este espectáculo de circo e clown presenta, con humor entrañable e poesía visual, a historia dun pallaso que herda unha vella fábrica chea de maquinaria enferruxada e estruturas inestables. Os imprevistos e as torpezas convértense aquí en oportunidades para a sorpresa e a destreza, nunha función que terá lugar ás 18.00 horas e con entrada gratuíta até completar capacidade.

Estas tres propostas exemplifican o espírito da Tropa C, un selo e unha ferramenta de mediación cultural que busca facilitar o acceso da rapazada á cultura desde idades temperás, facendo da cidade un gran escenario para xogar, pensar, emocionarse e compartir en familia. A programación completa e a información sobre entradas están dispoñibles na web de Compostela Cultura e nos despachos habituais.