Compostela Cultura selecciona Xurado Novo de Artes Escénicas

Poderán formar parte del persoas de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que non integraran xa algún dos xurados novos de escénicas ou cinema de Compostela Cultura
O prazo para a presentación de solicitudes está aberto até o 12 de xaneiro
 

Compostela Cultura abre o proceso de selección de integrantes do Xurado Novo que avaliará a súa programación escénica de 2026. Estará conformado por un máximo de 10 persoas de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que deberán ver e valorar unha escolma dos espectáculos de teatro, danza e circo programados no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e outros espazos durante todo o ano. 
Para presentar a súa candidatura, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición no proceso e dar resposta a unha serie de cuestións relacionadas coa súa experiencia como espectadoras. Poderán facelo ata o 12 de xaneiro.
As persoas integrantes do xurado terán acceso libre a espectáculos do programa previo aviso, sempre e cando a capacidade das salas o permita. Serán as encargadas de compor un palmarés honorífico que se fará público ao final do ano.
As bases de participación están dispoñibles na web de Compostela Cultura.