Compostela Cultura programa ‘herDanza Itinera’, un encontro arredor do corpo e a creación contemporánea

A Casa das Máquinas acolle o sábado 9 de maio esta actividade dedicada á danza contemporánea que combina pensamento, práctica e exhibición arredor do movemento. 
A xornada inclúe un obradoiro aberto con Javier Arozena e a presentación das pezas ‘Dânsâi’, de Adrián Herrera, ‘Tánguela’, de Myriam González, e ‘Kind’, de Javier Arozena e La Compañía
Trátase dunha actividade coordinada por Can Cun Quinqué e enmarcada na programación de Artes Escénicas que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura, co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago
 

Compostela Cultura suma á súa programación escénica arredor da danza unha nova proposta arredor da creación contemporánea co proxecto herDanza Itinera, unha xornada coordinada por Can Cun Quinqué que terá lugar o sábado 9 de maio na Casa das Máquinas e que convida a explorar o corpo como territorio de investigación, memoria e transformación.

 

Arranca ás 11.30 horas co obradoiro Abrir o corpo, desbordar a danza, guiado polo artista e investigador en artes vivas Javier Arozena. Trátase dunha práctica de movemento aberta a todos as persoas interesadas polo movemento, sen necesidade de experiencia previa, que propón unha exploración colectiva desde a escoita, a intimidade e o cuestionamento dos límites do corpo. Esta primeira sesión ten unha duración aproximada de 90 minutos e a  participación é gratuíta, con prazas limitadas e inscrición previa a través da web de Compostela Cultura.

 

A seguir, ás 14.00 horas, presentaranse dúas pezas breves: DÂNSÂI, de Adrián Herrera, e Tánguela, de Myriam González. A primeira propón unha investigación física inspirada na biomecánica das especies naturais e mariñas, mentres que a segunda afonda na relación entre control e descontrol a través dun corpo que busca o seu lugar. Ambas as representacións teñen unha duración aproximada de 15 minutos e a asistencia é libre ata completar capacidade.

 

A xornada pecharase ás 21.30 horas coa representación de KIND, de Javier Arozena – La Compañía, unha peza que reflexiona sobre a vulnerabilidade, o coidado e a interdependencia como formas de resistencia e construción colectiva. A obra inspírase, entre outras referencias, na acción Carrying de Pepe Espaliú e nas ideas de Simone Weil e Giorgio Agamben, configurando un espazo escénico onde o corpo devén lugar de encontro entre o íntimo e o político.

 

Así, herDanza Itinera, configúrase como unha proposta que transcende a exhibición para abrir espazos de práctica, reflexión e experiencia arredor das artes do movemento, reforzando o compromiso de Compostela Cultura coa creación contemporánea e os novos discursos escénicos.

 

Una programación expandida para celebrar a danza

 

Esta xornada intégrase nunha programación máis ampla coa que Compostela Cultura celebra o Día Internacional da Danza, estendendo a presenza das artes do movemento ao longo das vindeiras semanas en diferentes espazos da cidade.

 

A primeira das citas ten lugar este mesmo mércores 29 de abril no Teatro Principal coa representación de Familia Nijinska, do colectivo VACAburra. A peza, que dará comezo ás 20.30 horas, constrúese como unha conferencia escénica que mestura palabra, corpo e trazo para ofrecer unha ollada crítica sobre os relatos hexemónicos da historia da arte, a memoria e o esquecemento das mulleres creadoras. Ao remate da función celebrarase unha posfunción co equipo artístico.

 

A programación continuará o xoves 7 de maio tamén no Teatro Principal con Alén, do Colectivo Glovo, unha proposta con coreografía de Esther Latorre e interpretada por ela mesma e por Sybila Gutiérrez, Xián Martínez e Marc Fernández, que explora o límite como espazo de tránsito e transformación, nun diálogo constante entre o que remata e aquilo que está a piques de emerxer.

 

Xa o sábado 9 de maio, o Auditorio de Galicia acollerá Anónimos, de Rauxa Cía, un espectáculo que combina danza e circo contemporáneo para mergullar o público familiar nun universo poético e visual que reflexiona sobre a memoria, a imaxinación e a soidade. Recomendado a partir de 7 anos de idade.

 

Este percorrido arredor do corpo pecharase o domingo 10 de maio no Auditorio de Galicia con Vicenta Lorca, da Óscar Cobos Compañía de Danza, unha proposta escénica que combina música, xesto e palabra para construír unha viaxe simbólica pola vida de Federico García Lorca a través da mirada da súa nai, coas interpretacións de Óscar Cobos, Inés Salvado e Abe Rábade

 

Deste xeito, Compostela Cultura articula un itinerario escénico que, tomando como punto de partida o Día da Danza, propón diferentes aproximacións ao corpo e á creación contemporánea, consolidando unha programación diversa que conecta linguaxes, públicos e sensibilidades arredor do movemento.

 

Info práctica e venda de entradas

As entradas para os espectáculos de pagamento poden adquirirse en compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes) e no propio espazo escénico o día da función.