JAVIER AROZENA E LA COMPAÑÍA
HERDANZA ITINERA · ARTES ESCÉNICAS · DANZA
KIND é unha peza que se constrúe como práctica e como encontro. Un espazo onde o corpo fráxil atopa apoio no outro, configurando unha ética da interdependencia que se manifesta como xesto político e poético.
A proposta explora a vulnerabilidade como potencia e o incerto como territorio fértil, nun proceso aberto e en constante transformación. A través do corpo do intérprete, resoan voces e memorias que conectan o íntimo co colectivo.
Inspirada na acción Carrying de Pepe Espaliú e nas reflexións de Simone Weil e Giorgio Agamben, KIND propón unha experiencia escénica que cuestiona os límites do individuo e abre novas formas de relación.
Sobre a compañía
Javier Arozena – La Compañía é o tándem creativo formado polo artista Javier Arozena e o arquitecto Gino Senesi. O seu traballo sitúase na intersección entre corpo, espazo arquitectónico e territorio, desenvolvendo prácticas que activan a percepción, a escoita e a relación co contorno. As súas creacións xeran espazos de reflexión e contemplación onde o invisible e o intanxible adquiren presenza escénica.