

O Auditorio de Galicia desenvolve no mes de abril dous talleres de balde cos que convida a rapazada a explorar o universo visual da fotoxornalista catalá e a expresar unha mirada propia a través das imaxes
Diríxese a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos de idade que poderán reservar algunha das 20 prazas dispoñibles en cada sesión a través do formulario habilitado na web de Compostela Cultura
A actividade enmárcase no programa de mediación da área de Artes Visuais do Auditorio de Galicia, que tamén inclúe visitas comentadas á mostra os xoves, venres e sábados de abril a xuño.
O Auditorio de Galicia organiza nos próximos días dous obradoiros para a rapazada arredor da exposición Antifémina. Colita, unha mostra que traslada ás paredes da Sala Isaac Díaz Pardo o volume que a fotoxornalista Isabel Steva e a escritora Maria Aurélia Capmany publicaron a finais dos anos 70 e que foi considerado o primeiro libro gráfico abertamente feminista da Transición.
A través dunha aproximación participativa e adaptada, a actividade convida o público máis novo a descubrir a ollada de Colita, pioneira e figura referencial da fotografía documental en España, e a explorar como as súas imaxes retratan a sociedade da época, poñendo no foco mulleres diversas. O obradoiro propón un percorrido que combina a observación, o diálogo e a creación, no que a rapazada poderá reflexionar sobre as historias que contan as fotografías e expresar a súa propia visión do mundo. Tras unha pequena visita á exposición da man do guía Xosé Antón Serén, a fotógrafa Verónica Ramilo guiará o obradoiro para aprender a mirar as fotografías e crear obras derivadas mediante a técnica da colaxe, coa combinación de recortes, tecidos, fíos, selos, pintura e adhesivos. Todo o material do obradoiro será proporcionado pola organización.
Dirixidos a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, os obradoiros terán lugar os sábados 18 e 25 de abril ás 11.30 horas na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, cunha duración aproximada de dúas horas. A participación en cada sesión é de balde, previa inscrición a través do formulario dispoñible na web de Compostela Cultura para escoller a data de interese.
As participantes deberán chegar ao Auditorio de Galicia 15 minutos antes do inicio de cada sesión acompañadas por unha persoa adulta, que tamén deberá recollelas ao seu remate. No caso de que algunha acompañante adulta queira ficar durante a realización da actividade, deberá indicalo no formulario.
A iniciativa forma parte do programa de mediación co que Compostela Cultura busca atender a diversidade de públicos, adaptando linguaxes, formatos e metodoloxías a diferentes idades, intereses e necesidades, promover a a educación artística e cultural como ferramenta de aprendizaxe, expresión e transformación social e fomentar a participación activa das persoas visitantes, favorecendo a interpretación propia, o diálogo e a reflexión compartida.
Visitas guiadas á exposición
O programa de mediación complétase coas visitas guiadas á exposición Antifémina. Colita que se desenvolven de maneira regular os xoves e venres ás 19.00 horas e os sábados ás 12.00 horas.
Estes percorridos permiten ao público afondar no contexto histórico e social da mostra e descubrir as claves dunha obra fundamental do feminismo visual. Teñen unha duración aproximada de 45 minutos e están dirixidos tanto a persoas individuais como a grupos organizados, centros de ensino e colectivos con necesidades específicas. A participación é de balde, con inscrición previa a través da web de Compostela Cultura. No caso das inscricións individuais, ou de grupos de menos de cinco persoas, non será preciso agardar á recepción de confirmación da praza.
Antifémina. Colita é unha mostra producida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e comisariada por Francesc Polop, director do Archivo Colita Fotografía. A súa parada en Santiago enmárcase na programación de Artes Visuais do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio da Cidade. A mostra permanecerá no Auditorio de Galicia ata o 1 de agosto e pode visitarse tamén libremente con acceso de balde, de luns a domingo en horario de 10 a 14 e de 16 a 19 horas.

