

O programa arrancará os días 27 e 28 de marzo, apenas dous días despois da inauguración da mostra, que terá lugar o mércores 25 ás 20.00 horas
A proposta ofrece percorridos comentados os xoves, venres e sábados entre marzo e xuño para afondar nas claves dunha das obras fundamentais do feminismo visual da Transición, en exhibición até o 1 de agosto
Ademais a exposición tamén poderá ser visitada con acceso libre e de balde de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas
O Auditorio de Galicia abre este martes o prazo de inscrición para o programa de visitas guiadas da exposición Antifémina. Colita unha proposta de mediación que acompañará o percorrido pola mostra desde os seus primeiros días de apertura. A exposición, dedicada á fotógrafa catalá Isabel Steva, coñecida artisticamento como Colita e ao seu proxecto compartido con Maria Aurèlia Capmany, inaugurarase o mércores 25 de marzo ás 20.00 horas na Sala Isaac Díaz Pardo e poderá visitarse até o 1 de agosto.
As visitas guiadas comezarán de maneira inmediata, xa o venres 27 (ás 19 horas) e o sábado 28 de marzo (ás 12 horas), ofrecendo ao público a posibilidade de achegarse á exposición cunha lectura contextualizada desde o inicio da súa programación. Ao longo dos meses de marzo, abril, maio e xuño, estes percorridos permitirán afondar nas claves dunha obra fundamental do feminismo visual da Transición, explorando tanto o valor artístico das imaxes como o seu contexto histórico e social.
Dirixidas a todo tipo de públicos —tanto persoas que desexen asistir de maneira individual como grupos organizados, centros de ensino ou colectivos con necesidades específicas—, as visitas teñen unha duración aproximada de 45 minutos e están concibidas como unha experiencia accesible e enriquecedora que complementa o percorrido libre pola mostra.
A participación é de balde, mais require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web de Compostela Cultura no que se deberá seleccionar día e hora. O prazo para anotarse pecharase ás 14.00 horas do día anterior a cada visita, polo que o Auditorio recomenda formalizar a inscrición con antelación, especialmente nas primeiras sesións, que terán lugar xa nos días inmediatamente posteriores á inauguración.
As visitas desenvolveranse os xoves e venres ás 19.00 horas e os sábados ás 12.00 horas. No caso das persoas que acudan de maneira individual, non se enviará confirmación, sendo suficiente con presentarse no Auditorio de Galicia na data e hora escollidas e agardar na recepción o inicio do percorrido. Pola súa banda, os grupos de máis de cinco persoas, así como os centros de ensino e colectivos con necesidades específicas, recibirán confirmación por correo electrónico unha vez tramitada a súa solicitude.
Antifémina. Colita é unha exposición producida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e comisariada polo director do Archivo Colita Fotografía e amigo persoal da fotógrafa catalá, Francesc Polop. A mostra forma parte da programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e conta co apoio do Consorcio da Cidade.
Durante todo o período expositivo, que conclúe o 1 de agosto, a mostra tamén poderá ser visitada de forma libre, con acceso de balde de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas (os días con espectáculo no Auditorio, o acceso á sala pecha ás 19 horas).