A mirada insubmisa de Colita chega ao Auditorio de Galicia coa exposición "Antifémina"

Coproducida por La Fábrica e Círculo de Bellas Artes e coa curadoría de Francesc Polop, a mostra achega a Compostela en formato expositivo o histórico libro fotográfico que Colita creou xunto á escritora Maria Aurèlia Capmany e que reúne máis de 130 imaxes que cuestionan os estereotipos da feminidade na España franquista
O acto de inauguración arrancará na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio o mércores 25 de marzo ás 20 horas, e contará coas intervencións da alcaldesa Goretti Sanmartín, do director do Auditorio, Xaquín López, e do comisario da mostra, Francesc Polop
A partir de entón, a exposición poderá ser visitada até o 1 de agosto, con acceso libre e de balde de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas
 

O Auditorio de Galicia acollerá o mércores 25 de marzo, ás 20.00 horas, a inauguración da mostra Antifémina. Colita, un proxecto que recupera para o espazo expositivo o volume fotográfico que a artista catalá Isabel Steva Hernández (Barcelona, 1940–2023), coñecida artisticamente como Colita, realizou en colaboración coa escritora Maria Aurèlia Capmany (Barcelona, 1918–1991) a finais dos anos setenta. Considerado co paso do tempo como o primeiro libro gráfico abertamente feminista da Transición, Antifémina foi publicado en 1977 e retirado pouco despois do mercado pola propia editorial ao ser considerado inapropiado para a España do momento. Aquela decisión acabou convertendo a obra nun libro de culto, crítico e reivindicativo.

En 2021, Colita e Francesc Polop —comisario da exposición e director do Archivo Colita— recuperaron o volume nunha reedición publicada pola editorial Terranova e polo Concello de Barcelona. Agora, este proxecto preséntase por primeira vez en Galicia en formato expositivo como homenaxe póstuma á fotógrafa e como reivindicación da valentía intelectual de Colita e Capmany, dúas figuras que abordaron con claridade e determinación a dignificación da condición feminina nunha sociedade que comezaba a emerxer da longa ditadura franquista.

A mostra, coproducida por La Fábrica e o Círculo de Bellas Artes de Madrid, reúne máis de 130 fotografías organizadas en dez seccións que abordan, cun ton crítico e didáctico, a construción social da feminidade convencional: a muller submisa, perfecta casada, pasiva e sacrificada. A través das súas imaxes, Colita retrata cuestións como a vellez, o traballo, a relixión, a prostitución, a cousificación ou a marxinación ás que se vían sometidas as mulleres. Os corpos que aparecen nas fotografías —apoderados, sólidos, nus, anoréxicos, eróticos, decorativos, marcados pola xuventude ou erosionados pola vellez— constrúen un imaxinario visual que permite comprender que significaba ser muller no franquismo, nun contexto de represión, conservadorismo e profunda desigualdade.

Tras o acto inaugural, a mostra permanecerá no Auditorio de Galicia até o 1 de agosto, e poderá ser visitada con acceso libre de luns a domingo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas (agás os días con espectáculos no Auditorio no que o acceso á sala pechará ás 19 horas). Ademais, durante o período expositivo, ofreceranse visitas guiadas e outras actividades para achegar a obra de Colita ao público miúdo. 

A exposición Antifémina. Colita forma parte da programación de Artes Visuais que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e conta co apoio do Consorcio da Cidade.

Colita, unha figura clave da fotografía en España

Isabel Steva Hernández, coñecida artisticamente como Colita, naceu en Barcelona en 1940. Formouse xunto a fotógrafos como Oriol Maspons, Xavier Miserachs, Francesc Català-Roca ou Leopoldo Pomés. Ao longo da súa carreira retratou a vida cotiá de Barcelona —o mundo xitano, o flamenco, o Barrio Chinés ou La Rambla— e creou unha ampla galería de retratos de figuras culturais e artísticas do século XX.

Estivo vencellada a movementos como a Gauche Divine, a Escola de Barcelona ou a Nova Cançó e documentou durante a Transición numerosos acontecementos políticos e sociais. Comprometida co feminismo, foi editora gráfica da revista Vindicación Feminista en 1976. Publicou máis de setenta libros, realizou máis de corenta exposicións e recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria. 

Maria Aurèlia Capmany, intelectual e pioneira do feminismo

Maria Aurèlia Capmany (Barcelona, 1918–1991) foi unha das intelectuais máis destacadas da cultura catalá do século XX. Escritora, pedagoga, dramaturga, actriz e política, desenvolveu unha intensa actividade cultural e literaria. Licenciada en Filosofía e Letras, participou en iniciativas culturais clandestinas durante o franquismo e cultivou con éxito a novela, o ensaio e o teatro.

Obtivo premios literarios como o Joanot Martorell e o Sant Jordi, e impulsou xunto a Ricard Salvat a Escola d’Art Dramàtic Adrià Gual. A través da súa obra ensaística e narrativa converteuse nunha figura clave do feminismo catalán e participou activamente na vida política durante a Transición e os primeiros anos da democracia.

O traballo curadorial de Francesc Polop

O comisario da exposición, Francesc Polop (Bolbaite, Valencia, 1961), é escultor e deseñador residente en Barcelona. Formouse na Escola Massana e na Facultade de Belas Artes de Sant Jordi e desenvolveu tamén unha intensa actividade no ámbito teatral e audiovisual. Coñeceu a Colita en 1983, iniciando unha relación persoal e profesional que o levou a deseñar numerosos libros e publicacións fotográficas da artista. Da súa colaboración xurdiu o Archivo Colita Fotografía, que actualmente dirixe e xestiona para difundir o legado da fotógrafa.