

O proxecto de Nacho Muñoz e Sol Álvarez convida a unha escoita artística do Santiago contemporáneo a través da música, a imaxe e o son recollido nas rúas e parroquias da cidade
Este concerto audiovisual desenvolverase na Sala Mozart do Auditorio de Galicia o martes, 12 de maio, ás 20.30 horas, e o acceso é de balde previa retirada de convites
A proposta forma parte do ciclo Contemporáneas e complétase co paseo inmersivo Sarela Caudal Sonoro, xa con todas as prazas esgotadas
Compostela poderá escoitarse a si mesma este martes, 12 de maio, a través dunha experiencia escénica que transforma os sons cotiáns do territorio nunha peza audiovisual en directo. O Auditorio de Galicia acolle ás 20.30 horas Compostela In-audita, unha proposta creada polo músico e compositor Nacho Muñoz e pola artista visual Sol Álvarez no marco do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura.
O proxecto nace dun proceso de documentación e investigación sonora desenvolvido durante unha Residencia Rega en 2022, no que se recolleron gravacións de distintas rúas, barrios e parroquias compostelás. A partir dese material constrúese un espectáculo audiovisual de 60 minutos no que o público poderá mergullarse nunha reinterpretación artística da memoria acústica da cidade.
A peza combina a música en directo de Nacho Muñoz —electrónica, voz e composición sonora— coa vídeo-realización ao vivo da fotógrafa e artista visual Sol Álvarez, nun diálogo continuo entre imaxe e son que propón unha maneira distinta de percibir Compostela. O resultado é unha experiencia inmersiva que explora a identidade, a espiritualidade e o vínculo emocional co territorio desde a escoita atenta da súa paisaxe sonora.
Compostela In-audita forma parte de Sonic Parkour, o proceso de investigación artística impulsado por Nacho Muñoz arredor da relación entre son e espazo público. O proxecto atravesa disciplinas como a arte sonora, o urbanismo, a arquitectura, a antropoloxía, o cinema ao vivo ou o patrimonio inmaterial para reflexionar sobre a maneira en que os espazos son habitados e percibidos a través da súa dimensión acústica.
A programación complétase ademais coa actividade Sarela Caudal Sonoro. Un paseo acústico, impulsada polo Colectivo Galicia Emocional e coordinada xunto a Nacho Muñoz, Sol Álvarez e Marcos PTT. A iniciativa propón un percorrido inmersivo pola contorna do río Sarela, desde a Ponte do Carme até o Muíño de Parente, no que as persoas participantes escoitan e reinterpretan en directo os sons da auga, da paisaxe e da memoria do lugar mediante un sistema Silent Disco e diferentes dispositivos de captación sonora. As intervencións artísticas e os relatos da veciñanza intégranse nunha experiencia colectiva arredor do territorio e da súa memoria acústica. As prazas para os paseos, de capacidade limitada, están xa esgotadas.
As entradas para Compostela In-audita están dispoñibles na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e no propio Auditorio de Galicia desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
Nacho Muñoz
O traballo de Nacho Muñoz, tamén activo baixo os seudónimos madamme cell ou Parkour Sonoro, transita entre a música electrónica, a contemporánea experimental e o son no espazo público. Creador da ópera OFF Opera Forte Fonética, compón música para filmes, series, curtametraxes, documentais ou vídeo-arte, así como espazos sonoros para espectáculos de danza, teatro e circo. Suma unha ducia de discos publicados baixo o seu nome en UK, Grecia, Italia, España, Portugal e Galiza. Produtor musical de Mercedes Peón, Uxía Senlle ou Ecléctica Ensemble, foi coordinador do Espazo de Residencias Artísticas Alga Lab en Vigo, director da iniciativa sobre arte e medio rural Verbenas Periféricas e membro do colectivo Galiza Emocional, co que na actualidade promove diferentes prácticas artísticas en barrios e parroquias da Península Ibérica.
Sol Álvarez
Fotógrafa e videógrafa, Sol Ávarez centra a súa actividade na creación cultural, documental e escénica. Formada en Belas Artes, Fotografía Artística e Documental, Deseño e Xestión Cultural, colabora con diversas compañías de teatro, circo e danza desenvolvendo imaxe, teasers e creación audiovisual para proxeccións e vídeo en directo.
Forma parte do Colectivo Galiza Emocional, onde promove proxectos de participación cidadá e recuperación da memoria a través da imaxe e do son, con obradoiros de cianotipia, paseos sonoros e mapas emocionais. Tamén é docente de fotografía en escolas de arte públicas e na Escola Unitaria. A súa práctica combina creatividade e sensibilidade documental, poñendo en valor a memoria, o territorio e o traballo da muller.
Contemporáneas
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
De outubro de 2025 a maio de 2026, ofrece propostas diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.
Próximas citas
12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita
23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro
31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont