PluralEnsemble mergúllase na poética sonora de Mercedes Zavala co concerto ‘Nieve sobre nieve’

O recital forma parte do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura e terá lugar o luns, 13 de abril, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia
Dirixido por Fabián Panisello, o programa céntrase no repertorio compositivo de Mercedes Zavala e inclúe a estrea en España de ‘Omen, exilio para flauta baja’
A asistencia é gratuíta previa retirada de convites na web compostelacultura.gal
 

O ciclo Contemporáneas ofrece en abril unha das súas citas máis delicadas da man de PluralEnsemble, unha das formacións de referencia na interpretación da música dos séculos XX e XXI, cun programa dedicado á compositora Mercedes Zavala, figura destacada da creación actual e cunha sólida traxectoria internacional. A cita será de novo na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o luns 13 de abril ás 20.30 horas. 

Baixo a dirección de Fabián Panisello e co título Nieve sobre nieve, o concerto propón un percorrido por diferentes pezas que dialogan arredor do silencio, a materia sonora e a percepción do tempo. A través dunha escritura refinada e chea de matices, Zavala constrúe paisaxes de gran sutileza onde a escoita se volve un exercicio de atención extrema. O programa ofrece unha visión de conxunto da produción da autora ao longo das últimas dúas décadas, na que converxen claves poéticas e referencias literarias arredor da auga —ou da súa ausencia— como metáfora da transformación, da memoria e da experiencia sensorial.

Desde o haiku inicial que dá nome ao concerto, Nieve sobre nieve,  ata obras recentes como Cual (Un ciervo en el desván), as composicións constrúen un imaxinario no que os distintos estados da auga funcionan como material poético para suxerir estados de quietude, tensión ou mutación.

A presenza de referencias da literatura —de Ada Salas a Thomas Bernhard ou Chantal Maillard— atravesa o programa e dialoga cunha escrita musical que non pretende describir, senón evocar. Neste contexto, pezas como Sin pájaros (Helada) ou Implacable Ice exploran paisaxes de desolación e resistencia, mentres que outras como Desvío ou Bipolar introducen dinámicas de contraste e desprazamento que amplían o campo expresivo.

O programa inclúe, ademais, a estrea Omen, exilio para flauta baja, unha obra que a autora compuxo durante o confinamento e que se interpreta por primeira vez en España.

Coa súa habitual precisión e riqueza tímbrica, PluralEnsemble sitúase ao servizo dunha música que convida á escoita atenta e á inmersión, revelando como a auga —tan presente no fío conceptual do ciclo— pode transformarse en materia sonora, en estrutura e en pensamento musical.

A asistencia ao concerto é balde previa retirada de convites, dispoñibles de forma anticipada na web de Compostela Cultura, na Zona C Punto de Información Cultural (aberta de martes a xoves, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas), e xa o propio día do concerto no Auditorio de Galicia. Estas invitacións son válidas ata 10 minutos antes do inicio do evento. Pasado este tempo, a organización poderá facer uso das localidades vacantes. 

Contemporáneas

Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o  Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña. 

Até maio de 2026, o ciclo ofrecerá outras seis propostas, diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.

Próximas citas

13 abril, 20.30 h, Auditorio de Galicia | PluralEnsemble / Fabián Panisello · Nieve sobre nieve

12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita

23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro

31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia |  Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont