

O Auditorio de Galicia acolle este martes 10 de marzo un concerto que conecta a música contemporánea cos sons ancestrais a través do simbolismo da auga e o imaxinario estelar
Os instrumentos antigos recuperados por Abraham Cupeiro uniranse ao piano de Fernando Buide, a percusión de Alejandro Sanz, o violín de Regina Laza e o violoncello de Manuel Lorenzo nun programa con composicións de Karlheinz Stockhausen, Caroline Shaw e do propio Buide.
Contemporáneas é un ciclo musical que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña
O ciclo Contemporáneas 2025–2026 de Compostela Cultura continúa este martes 10 de marzo cun concerto que une creación contemporánea, investigación sonora e evocación poética. O ensemble Música Práctica, dirixido polo compositor Fernando Buide del Real, contará coa participación do multiinstrumentista Abraham Cupeiro nun programa titulado Constelacións de auga, que terá lugar ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.
A proposta convida o público a explorar as relacións entre a música, a auga e o cosmos a través dun percorrido que combina repertorio contemporáneo e nova creación. O programa inclúe tres seccións do ciclo Tierkreis (1974–1975) do compositor alemán Karlheinz Stockhausen —Piscis, Escorpio e Cáncer—, a delicada peza Thousandth Orange (2020) da compositora estadounidense Caroline Shaw, e A constelación de Saxitario (2024), obra do propio Fernando Buide.
A través destas pezas, o concerto propón unha viaxe sonora que transita entre o íntimo e o cósmico, facendo dialogar a sensibilidade do universo acuático co imaxinario estelar. As melodías zodiacais de Stockhausen evocan personalidades e correntes emocionais asociadas aos signos de auga; Shaw transforma a luz nun reflexo musical delicado e suspendido; e Buide abre a escoita cara a un territorio simbólico onde a auga se converte en río de estrelas.
O programa será interpretado polos integrantes de Música Práctica, formación flexible dedicada á música de creación actual impulsada por Fernando Buide, que nesta ocasión contará co propio Buide no piano, Alejandro Sanz na percusión, Regina Laza no violín e Manuel Lorenzo no violoncello.
Xunto a eles estará Abraham Cupeiro, recoñecido pola súa investigación e recuperación de instrumentos antigos e pola creación de novas sonoridades a partir de instrumentos esquecidos no tempo. A súa presenza achega ao concerto unha dimensión singular, combinando tradición instrumental, exploración histórica e experimentación sonora.
O resultado é unha proposta musical que integra instrumentos históricos, piano, corda, percusión e linguaxes contemporáneas para crear unha experiencia sonora entre o ritual e a contemplación. Así, as constelacións convértense en ríos de luz e son, e a música, como a auga, funciona como ponte entre o íntimo e o infinito.
O concerto terá unha duración aproximada de 60 minutos e forma parte do ciclo Contemporáneas, dedicado á música dos séculos XX e XXI e ás novas linguaxes da creación sonora.
Os convites para este concerto están esgotados. Serán válidos ata 10 minutos antes do comezo do espectáculo e, unha vez pasado este tempo, a organización poderá utilizar as prazas non ocupadas.
Contemporáneas
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
Até maio de 2026, o ciclo ofrecerá outras seis propostas, diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.
Próximas citas
13 abril, 20.30 h, Auditorio de Galicia | PluralEnsemble / Fabián Panisello · Nieve sobre nieve
12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita
23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro
31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont