

A formación éuscara participa no ciclo Contemporáneas cun programa que inclúe obras de Abel Paúl, Bertrand Chavarría-Aldrete, Juan José Eslava e Zuriñe F. Gerenabarrena
Gorka Catediano (percusión), Jon Ansorena (txistu) e Maria Zubimendi (acordeón microtonal) conforman o ensemble
O acceso é de balde previa retirada de convites, dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia
O Trío Zukan presenta URa no marco do ciclo Contemporáneas, unha proposta que afonda na creación contemporánea desde unha mirada sensorial e comprometida co presente. Integrado por Gorka Catediano (percusión), Jon Ansorena (txistu) e Maria Zubimendi (acordeón microtonal), o trío propón unha experiencia sonora na que a música se constrúe como paisaxe viva.
URa —auga, en éuscaro— reúne obras de Bertrand Chavarría-Aldrete, Zuriñe F. Gerenabarrena, Juan José Eslava e Abel Paúl, as dúas últimas encargadas polo Trío Zukan para esta ocasión. As pezas dialogan arredor do uso, o abuso e a beleza da auga, entendida tanto como recurso esencial canto como símbolo cultural, político e poético.
O concerto articúlase a través dunha combinación de sonoridades acústicas e electrónicas, coa presenza de voz, vídeo, pedras e outros elementos naturais, que transforman o escenario nun espazo en constante mutación. O txistu, o acordeón microtonal e a percusión expándense cara a novas dimensións expresivas, construíndo un fluxo sonoro que avanza, se fragmenta e se disolve, evocando o curso dun río: forza, fragilidade e transformación permanente.
Con URa, o Trío Zukan reafirma o seu compromiso coa creación actual e coa experimentación, ofrecendo unha proposta inmersiva que convida o público a escoitar —e pensar— o mundo desde a vibración da auga.
Contemporáneas
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.
Até maio de 2026, o ciclo ofrecerá outras seis propostas, diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.
Próximas citas
10 marzo, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Música Práctica / Abraham Cupeiro · Constelacións de auga
13 abril, 20.30 h, Auditorio de Galicia | PluralEnsemble / Fabián Panisello · Nieve sobre nieve
12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita
23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro
31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont


