

Baixo o título ‘Dende o órgano’, o concerto da BMSC en San Domingos de Bonaval propón un achegamento ao son do instrumento a través da banda de ventos, entendida como un grande órgano orquestral
O domingo será a igrexa de San Paio de Antealtares a que acolla o concerto ‘Melodías en busca de autor: relato, escoita’, que ofrecerán o organista Eliot X. Dios e a violinista Rahel Boell
A presente edición do ciclo De Lugares e Órganos continúa ata o 5 de abril, con concertos, encontros, cinema e percorridos urbanos arredor dos órganos históricos da cidade
O ciclo De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela inicia a súa programación esta fin de semana con propostas que combinan música en directo e cinema en distintos espazos da cidade.
A apertura terá lugar o sábado 28 de marzo ás 20.00 horas na igrexa de San Domingos de Bonaval, co concerto inaugural a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida por David Fiuza. Baixo o título Dende o órgano, a proposta establece un diálogo entre o universo sonoro deste instrumento e a formación de ventos, a través dun repertorio que percorre diferentes épocas e estilos. O programa inclúe obras de Johann Sebastian Bach, Vaughan Williams, Julio Gómez ou Philip Sparke, nun percorrido polas diferentes sonoridades e épocas da música organística.
A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela incorpórase a undécima edición do ciclo De Lugare e Órganos cun concerto en San Domingos de Bonaval
O ciclo continuará o domingo 29 de marzo ás 20.30 horas na igrexa de San Paio de Antealtares co concerto Melodías en busca de autor: relato, escoita, no que o organista e clavecinista Eliot X. Dios e a violinista Rahel Boell presentarán un programa que combina obras de Couperin, Bach ou Francœur con improvisacións e creacións inéditas inspiradas na obra de Luigi Pirandello. A proposta constrúe unha narrativa sonora na que as melodías adquiren identidade propia, transformándose a través dos instrumentos e do diálogo interpretativo, nun exercicio que combina rigor estilístico e liberdade creativa.
O organista Eliot X. Dios e a violinista Rahel Boell ofrecerán en San Paio de Antealtares o concerto Melodías en busca de autor: relato, escoita,
As invitacións para ambos os concertos xa está esgotadas pero cómpre ter en conta que se tratan de convites válidos até 10 minutos antes do arranque de cada evento. Pasado este prazo, a organización poderá facer uso das localidades vacantes.
Para o luns 30 de marzo, a programación da undécima edición de De Lugares e Órganos transcende o estritamente musical e propón unha sesión de cinema. Ás 19.00 horas, a sala NUMAX acollerá a proxección de Ordet (A palabra, Carl Theodor Dreyer, 1955), un filme considerado unha das obras mestras da historia do celuloide, e no que a música de órgano comporta grande importancia dramática, simbólica e estrutural. A proxección desta película enmárcase no contexto da reestrea de A verba, de Javier María López, que se presentará no ciclo o venres 3 de abril ás 20.30 horas na igrexa da Universidade. Composta en 2018 e titulada a partir da obra de Dreyer, esta peza establece un diálogo estético co filme, enmarcado nunha proposta construída arredor da secuencia Victimae paschali laudes, que lle dá unidade ao programa no que se insire.
Tamén para a proxección están esgotadas as localidades dispoñibles, pero NUMAX abriu un segundo pase o sábado 4 de abril ás 16.30 horas para o que xa se poden mercar entradas (4 €)
De Lugares e Órganos. Música e outras pasaxes de Compostela
Do 28 de marzo ao 5 de abril, a undécima edición do ciclo De Lugares e Órganos programa concertos, encontros, cinema e percorridos pola cidade para achegar á cidadanía un dos patrimonios musicais máis singulares. Promovido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura e consolidado xa como cita ineludible da programación cultural compostelá, o ciclo continúa a súa vocación de poñer en diálogo patrimonio, música e pensamento, creando espazos de encontro entre artistas e público e convidando a escoitar os órganos históricos da cidade desde novas perspectivas.