

O acto celebrarase o xoves 8 de xaneiro ás 19.00 horas na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia
A presentación incluirá unha conversa con varias das e dos artistas participantes na exposición
A sesión completarase cunha visita guiada á mostra do Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis
A sala de exposicións Isaac Díaz Pardo acollerá este xoves, día 8 de xaneiro, ás 19.00 horas o acto de presentación da publicación correspondente ao Décimo Cuarto Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis, unha edición que consolida este certame bienal como plataforma de visibilización da creación emerxente no país.
A sesión artellarase arredor dunha conversa aberta con parte das e dos artistas participantes na mostra, na que se abordarán os procesos de traballo, as liñas de investigación e os temas que atravesan as obras incluídas tanto na exposición como na publicación. O encontro permitirá achegar ao público unha lectura coral dun proxecto que reúne 31 propostas seleccionadas entre as 98 presentadas nesta edición, con obras de Pablo Agma, Alberto Ardid, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Blanca Castro, Lara e Noa Castro Lema, Cristian Cerqueira, Fabián Cidrás Pérez, Matías Daporta, Carlos Fer, Nuria Figueiredo, Alejandro Fuertes, Lúa Gándara, Doa Oa, Alberto Ovejero, Lucía Perdiz, Manuela Pereira Enríquez, Sara Piñeiro, Nicolás Pisada, Denis Protopopov, Mar Ramón Soriano, Sara Ricoy Rajoy, Andrés Rodís, Fran Rodríguez Casal, Ariadna Silva Fernández, Cris Souto, Taro, Dennise Vaccarello, Aldara Vázquez, Verónica Vicente, Lucía Villar e Breogán Xague.
Parte das e dos artistas con traballos presentes na mostra que asistiron á inauguracion (Imaxe: Pixelín Photo)
Ao remate da conversa, as persoas asistentes poderá participar nunha visita guiada á exposición, actualmente aberta na Sala Isaac Díaz Pardo, que reúne as obras finalistas do premio e ofrece unha panorámica ampla e diversa das prácticas artísticas contemporáneas desenvolvidas por creadoras e creadores novos de Galicia.
A publicación que se presenta funciona como extensión e memoria da mostra, recollendo reproducións das obras, textos críticos e reflexións arredor dos procesos creativos, ao tempo que subliña o compromiso do Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis co apoio á creación contemporánea, coa igualdade na representación e coa construción dun arquivo vivo da arte actual no país.
De periodicidade bienal, o Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis ten como obxectivo fomentar os valores culturais, apoiar as traxectorias emerxentes e contribuír á difusión da creación artística galega, reforzando o papel do Auditorio de Galicia como espazo de referencia para a produción e exhibición das artes visuais contemporáneas. Circunscrito ao ámbito autonómico, o certame diríxese a artistas de traxectoria non consolidada co albo de ampliar a súa visibilidade e contribuír ao enriquecemento e coñecemento da creación contemporánea e ao patrimonio cultural galego.
A asistencia ao evento é de libre sen necesidade de reserva. A mostra permanecerá aberta no Auditorio até o 2 de marzo e pode ser visitada de luns a domingo, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas (nos días en que o Auditorio acoller outros espectáculos, o acceso á sala pecha ás 19 horas). Existe tamén un programa de visitas guiadas para público xeral e centros de ensino con distintas datas dispoñibles que é de balde previa reserva na web compostelacultura.gal