

A actividade reunirá en Santiago de Compostela seis compositoras e compositores emerxentes para traballar novas creacións sinfónicas xunto á Real Filharmonía de Galicia
As obras estrearanse nun concerto aberto ao público o venres 8 de maio, ás 20. 30 horas, no Auditorio de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia celebrará no mes de maio de 2026 a terceira edición do seu Obradoiro de Composición de Obras Sinfónicas, unha iniciativa xa consolidada dentro da súa liña de apoio á creación contemporánea e ao acompañamento das novas xeracións de compositoras e compositores. Por segundo ano consecutivo, o proxecto desenvolverase en colaboración co Festival RESIS, reforzando unha alianza estratéxica orientada á creación musical do noso tempo.
As actividades do obradoiro terán lugar de maneira presencial no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, entre os días 5 e 8 de maio de 2026. Durante esta semana intensiva, as persoas seleccionadas traballarán directamente cunha orquestra profesional, nun contexto de aprendizaxe práctica e diálogo artístico que permite coñecer o proceso de creación sinfónica desde dentro. O obradoiro estará dirixido por Armando Merino, coa orientación pedagóxica do compositor José Manuel López López.
O proceso de selección partiu dun chamamento internacional aberto no mes de outubro, que volveu suscitar un notable interese no ámbito da creación musical contemporánea. Entre todas as candidaturas recibidas, foron seleccionadas seis persoas compositoras procedentes de distintos países, confirmando a proxección internacional do obradoiro e o compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa diversidade cultural e creativa. As persoas participantes nesta edición son Arsen Babajanyan (Armenia), Mar Caballer Llopis (España), Maria Vincenza Cabizza (Italia), Humberto Díaz Galindo (España), John Franek (Estados Unidos) e Andrés Poveda (Colombia).
Ao longo do obradoiro, as compositoras e compositores terán a oportunidade de ensaiar as súas obras coa orquestra, debater cuestións técnicas e artísticas e afondar nas dinámicas do traballo orquestral, nunha experiencia pouco frecuente nas primeiras etapas da carreira profesional e fundamental para o desenvolvemento dunha linguaxe propia no ámbito sinfónico.
O proceso culminará cun concerto aberto ao público, que terá lugar o venres 8 de maio ás 20.30 h no Auditorio de Galicia, con entrada gratuíta. Neste concerto, a Real Filharmonía de Galicia interpretará as obras desenvolvidas durante o obradoiro, baixo a dirección de Armando Merino.
Con esta nova edición do Obradoiro de Composición RFG / RESIS.LAB, a Real Filharmonía de Galicia reafirma o seu compromiso coa creación sinfónica actual, coa formación avanzada e co apoio decidido ao talento emerxente, contribuíndo á renovación do repertorio e ao fortalecemento do ecosistema musical contemporáneo desde Galicia cara ao mundo.