

Durante esta semana terá lugar no Auditorio de Galicia o 2º Obradoiro de Composición RFG / RESIS. LAB III, unha actividade en colaboración co Festival RESIS
O director Jordi Francés e o compositor José María Sánchez-Verdú acompañan as e os participantes co fin de axudalos nos seus primeiros pasos como compositores orquestrais
O venres 9 de maio ás 20.30h, a Sala Ángel Brage acollerá un concerto de presentación das obras resultantes no obradoiro, con entrada libre ata completa capacidade
A Real Filharmonía de Galicia continúa a fomentar e incentivar o talento das novas xeracións de músicos. Un dos principais obxectivos do seu proxecto estratéxico é abrir as portas da institución a mozos e mozas que se atopen aínda no principio da súa traxectoria profesional e que busquen ampliar a súa formación. Con esa finalidade, esta semana terá lugar no Auditorio de Galicia o 2º Obradoiro de Composición RFG / RESIS. LAB III.
Do 5 ao 9 de maio, sete participantes de diferentes nacionalidades reciben orientación sobre como perfeccionar as súas obras da man do director Jordi Francés e do compositor José María Sánchez-Verdú, unha actividade tecida en colaboración co Festival RESIS. Ao remate da semana, o venres 9 de maio ás 20.30 horas, a Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acollerá un concerto aberto ao público para presentar o resultado do desenvolvemento destas composicións inéditas.
Baixo a dirección de Jordi Francés, a Real Filharmonía de Galicia interpretará daquela as obras Trampantojo de Ángel De la Hera, Symbiosis de Yehong Gao, Essere foglia de Alexandre Jamar, ihre Berge de Shiwei Liu, De espacios y gentes (II). La idea de norte de Luis Navarro, Labyrinth de Esther Perez Soriano e Una construzione dell’assenza de Mariano Russo. O programa complétase coa peza El palacio de los siete cielos de José María Sánchez-Verdú.
Un dedicado director
Esta é a segunda vez que o mestre Jordi Francés acude a Santiago para impartir unha formación a músicos noveis dentro da temporada 2024-2025 da Real Filharmonía de Galicia, Inconformistas. A primeira delas tivo lugar en decembro do pasado ano durante o Obradoiro de Dirección Orquestral.
Francés caracterízase por ter unha mirada ampla sobre o feito artístico. Como director convive entre a ópera, o repertorio sinfónico e a creación actual. Entre os seus máis recentes compromisos figuran invitacións de: Orquesta Nacional de España, Orquesta de la Comunidad de Madrid, Orquesta de Valencia, Sinfónica de Bilbao e numerosos proxectos co Ensemble Sonido Extremo, do que é director artístico.
Dirixiu tamén a Filharmónica da BBC, Orquesta de RTVE, Ensemble Intercontemporain, a Orquestra do Festival da Academia de Lucerna, e outros moitos conxuntos en Europa e América. Nos últimos anos colaborou de maneira habitual coa Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta de Extremadura e a Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid coa que realizou tamén proxectos de ópera e teatro musical.
Un compositor comprometido
José María Sánchez-Verdú é autor dun amplo catálogo de obras onde destacan a música instrumental, a vocal, máis de vinte composicións para orquestra e proxectos con tecnoloxía electrónica, vídeo, arquitecturas ou dramaturxias de luces. Os seus proxectos escénico-musicais desenvolveron a relación coa luz, a cor, a arquitectura, o movemento e a virtualidade. En varios proxectos colaborou cos escritores Antonio Gamoneda, Juan Goytisolo, Carlos Fuentes e Gerhard Falkner.
Foi profesor de composición durante moitos anos en centros de referencia europeos (Dresde, Hannover, Zaragoza), e colabora regularmente nos programas de doutorado de coñecidos centros de ensinanza, como a Sibelius Academy ou mesmo a Kunstuniversität de Graz. Desde o 2001 é profesor de Composición da Robert Schummann Hochschule de Dusseldor, onde en 2021 foi nomeado Catedrático Honorario.
Entrada libre
O concerto será aberto a todo o público que desexe achegarse ao Auditorio de Galicia para descubrir, en primeira man, os novos talentos da composición orquestral.