O talento galego volve protagonizar o novo programa da Real Filharmonía de Galicia

A frautista Silvia Rozas Ramallal actuará como solista baixo a batuta da directora Agata Zajac nun programa que estrea a obra "Time painting" de compositora Helena Cánovas Parès xunto a obras de Mozart e Poulenc

O programa presentarase este xoves 5 ás 20.30 horas en Compostela e as entradas están dispoñibles en compostelacultural. gal e no despacho de billetes da Zona C. De quedaren localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o propio día do evento dende as 19.30 horas.

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana Iluminacións, un programa que propón un diálogo entre creación contemporánea, clasicismo e neoclasicismo europeo, combinando estrea absoluta, obras de referencia do repertorio e unha presenza destacada do talento galego. Baixo a dirección de Agata Zając, a orquestra compostelá constrúe un percorrido musical que atravesa distintas formas de entender o tempo, a melodía e a relación entre solista e orquestra.

O concerto ábrese coa estrea absoluta de Time painting, da compositora Helena Cánovas Parès, unha das voces máis persoais da creación actual no contexto europeo. A súa música explora con precisión o xesto sonoro e a percepción do tempo, articulando unha escrita refinada e intensamente expresiva. A obra inscríbese no proxecto Cometas, unha iniciativa que reforza o compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa música do noso tempo e coa incorporación de novas linguaxes ao repertorio orquestral.

A continuación, o programa detense no Concerto para frauta núm. 1 en Sol maior de Wolfgang Amadeus Mozart, unha obra luminosa e equilibrada composta en 1778, na que o lirismo e o virtuosismo dialogan cunha naturalidade exemplar. Lonxe de tópicos recorrentes, o concerto revela unha escrita chea de frescura, na que a frauta se integra na textura orquestral cunha elegancia de extraordinaria modernidade.

A segunda parte está dedicada á Sinfonietta de Francis Poulenc, composta en 1947, unha peza que condensa o espírito máis recoñecible do compositor francés: ironía, vitalismo e unha reinterpretación persoal do clasicismo. Cunha orquestración brillante e unha clara devoción pola melodía, a obra transita con liberdade por distintas estéticas dentro dun neoclasicismo inconfundible.

O talento galego ocupa un lugar central neste programa coa participación da frautista Silvia Rozas Ramallal, solista convidada. Cunha sólida carreira internacional e actualmente frauta solista da Filharmónica da NDR, a súa presenza supón unha nova ocasión para poñer en valor a proxección exterior das intérpretes galegas, que regresan aos escenarios do país cunha traxectoria plenamente consolidada.

Á fronte da orquestra sitúase Agata Zając, unha das directoras novas máis destacadas da escena europea, recoñecida pola claridade do seu discurso musical e pola súa especial sensibilidade tanto para o gran repertorio como para a creación contemporánea.

Antes do concerto en Santiago, o público poderá asistir ao encontro Conversando con…, que terá lugar ás 19.45 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, un espazo de mediación que permitirá coñecer máis de preto a traxectoria das mulleres protagonistas desta semana e a súa relación co repertorio interpretado.

As entradas teñen un prezo de 18 €, con descontos do 50 % para colectivos habituais, e poden adquirirse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste último caso, o día do concerto desde unha hora antes do inicio).