A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa nova temporada: ‘Historias’

A orquestra celebra o seu 30 aniversario cunha programación que une memoria, vangarda e vocación de futuro

A súa nova temporada constrúe pontes entre xeracións con música do pasado, creación actual e nomes galegos que brillan nos escenarios internacionais
 

A Real Filharmonía de Galicia presentou este venres, 20 de xuño, as claves da súa temporada 2025-2026, que leva por título ‘Historias’. Coincidindo coa celebración do seu 30 aniversario, a nova programación aposta polo talento galego, a creación contemporánea e pola proxección da orquestra cara ao futuro. 

O acto tivo lugar na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia e contou coa participación da alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago, Goretti Sanmartín; da concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela Míriam Louzao; do xerente do Consorcio de Santiago José Antonio Domínguez Varela; do director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann; así como da directora técnica da orquestra, Sabela García Fonte e do director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González.

A vindeira temporada da Real Filharmonía de Galicia artéllase arredor de varios piares principais que combinan memoria, talento galego, novas creacións, accións pedagóxicas e compromiso territorial. Así, a RFG renderá homenaxe aos nomes que contribuíron ao prestixio e evolución artística da orquestra e tamén porá en valor as figuras que están construíndo a historia musical de hoxe.

O resultado deste tándem entre o pasado e o futuro tradúcese por exemplo na recuperación de obras como Amadís de Gaula de Johann Christian Bach, interpretada no concerto inaugural da Real Filharmonía de Galicia, e tamén no proxecto Cometas, unha encarga a compositoras e compositores noveis que busca dar espazo á creación actual.

Esta temporada centra o seu obxectivo en seguir fortalecendo a orquestra cun impulso renovador a través do seu proxecto pedagóxico, territorial e de creación contemporánea. Así, a colaboración coa Escola de Altos Estudos Musicais, os obradoiros de composición e dirección, os concertos didácticos e a aposta polos novos públicos e linguaxes reafirman o compromiso da RFG coa música de hoxe e coas xeracións futuras.

Solistas galegos

Un dos grandes eixos da nova temporada da RFG é o recoñecemento aos talentos galegos que brillan nos escenarios internacionais. Neste sentido, a orquestra compostelá quere poñer en valor a figura de destacados solistas formados no ecosistema musical galego e que agora destacan xunto a orquestras de todo o mundo.

Deste xeito, a Real Filharmonía de Galicia convida estes intérpretes a volver á súa terra para compartir o seu virtuosismo coa sociedade que os viu medrar. É o caso de Diego Ares, referente internacional do clave; Raquel Areal, violinista da Filarmónica de Berlín; Andrea Rey, mezzosoprano; Esteban Batallán, trompeta principal da Orquestra Sinfónica de Chicago e tamén Silvia Rozas, frauta solista da Ópera de Hamburgo.

Ademais, renóvase a colaboración coa violinista Amandine Beyer, que seguirá actuando como artista en residencia xunto aos músicos da RFG. Referencia no eido do repertorio barroco, Beyer leva 20 anos afincada en Galicia e este será o seu segundo ano consecutivo traballando coa orquestra compostelá.

Proxecto Cometas
Ao longo da temporada, soarán 16 pezas breves —de aproximadamente cinco minutos— encargadas a 8 compositoras e 8 compositores de Galicia e do resto do Estado. Estas “estrelas fugaces” iluminarán cada semana da programación cunha obra nova, funcionando como pequenas cápsulas sonoras de innovación e diversidade estética.

Trátase dunha iniciativa de vangarda e compromiso coa creación contemporánea consonte ao carácter conmemorativo da temporada que, lonxe de ofrecer só unha mirada ao pasado, busca servir tamén de impulso renovador que reitera o papel da orquestra como axente cultural vivo e altamente comprometido coas novas xeracións.

Compositoras e compositores de diferentes procedencias e estéticas participan nesta celebración do 30 aniversario da Real Filharmonía de Galicia enriquecendo a súa programación cunha ampla variedade de voces e estilos.

O obxectivo é crear un espazo de encontro entre a tradición e a novidade, entre a identidade da nosa orquestra e a riqueza da creación actual.

 

Concertos didácticos

A formación segue sendo un eixe esencial para a Real Filharmonía de Galicia. Os concertos didácticos levarán a música sinfónica a novos públicos, especialmente escolares, ofrecendo experiencias educativas. Estes programas están deseñados para espertar a curiosidade musical nas novas xeracións e para establecer vínculos duradeiros entre a orquestra e a comunidade. 

Na temporada ‘Historias’, están programados tres concertos didácticos: Playlist RFG; Son Salvaxe e Animalia, todos eles especificamente deseñados para o alumnado de Secundaria; 2º Ciclo de Primaria e 2º Ciclo Infantil e 1º Ciclo Primaria, respectivamente.

O contacto entre a mocidade e a música clásica, en moitos casos, faise por primeira vez durante estas iniciativas e conforma unha reacción en cadea onde os máis mozos se fan eco do que viron nas súas casas, cos seus familiares e tamén amigos e coñecidos fóra do seu ámbito escolar. Así, a experiencia serve de catalizador para impulsar e promocionar o espazo que ocupa a RFG dentro do tecido cultural galego grazas á participación de centros escolares de toda a Comunidade Autónoma.

Ciclo (EN)FOCO

Esta temporada, o ciclo (EN)FOCO ofrece tres concertos os venres pola noite que manteñen o formato dunha hora de duración, son concertos con comentarios para facilitar a comprensión das obras interpretadas.

Así, o ciclo inclúe a banda sonora da película Sing-Sing (que será interpretada en vivo durante a proxección do filme), do compositor Bryce Dessner; un monográfico dedicado a Philip Glass e un concerto arredor da música africana coa presenza do recoñecido intérprete de kora Seckou Keita. Unha proposta para atraer un público diverso, tanto para quen se achega por primeira vez como para os habituais que buscan novas experiencias musicais.

Tras o concerto, a cafetería Lasso do Auditorio de Galicia convértese no punto de encontro para compartir impresións e intercambiar ideas. Por iso, ofrécense entradas que inclúen petisco e bebida para gozar desta experiencia completa.

Colaboracións
Esta temporada a Real Filharmonía de Galicia volve colaborar co proxecto Sensoxenoma. Impulsado polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), trátase dun proxecto pioneiro que une ciencia e música para estudar como o estímulo musical afecta á expresión dos xenes e á saúde cerebral.  

A RFG actuará xunto á Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, por segundo ano consecutivo, nun concerto no que se recollen mostras biolóxicas (saliva, sangue, bágoas) de persoas voluntarias antes, durante e despois das actuacións. Os resultados de anteriores experiencias amosan que a música pode modular a expresión xénica en pacientes con enfermidades neurodexenerativas, como o alzhéimer, suxerindo un efecto compensatorio beneficioso. Este proxecto sitúa a Galicia na vangarda da investigación en sensoxenómica, conectando arte e ciencia para mellorar a calidade de vida das persoas.

Ademais, a colaboración co Festival RESIS volve producirse durante a vindeira temporada. Esta vez, en dúas ocasións: en abril no programa Fendas do silencio, un concerto que conecta distintos xeitos de entender a creación contemporánea e en maio durante o Obradoiro de Composición/RFG – RESIS.LAB, esta será a súa terceira edición, e a segunda en colaboración co Festival RESIS. Durante unha semana, novos e novas compositoras traballarán conxuntamente cunha orquestra profesional, baixo a dirección do director Armando Merino e coa orientación do compositor José Manuel López López.

Abonos

A renovación dos abonos realizarase os días 20, 23, 24, 25, 26 e 27 de xuño de 2025 no teléfono do Auditorio de Galicia (981 571 026) e os novos abonos poderán solicitarse os días 27 e 30 de xuño así como o 15, 16, 17, 18 e 19 de setembro no despacho de billetes do Auditorio de 11h a 14h.

Unha das novidades da temporada pasa pola introdución do abono para os tres concertos (EN)FOCO, que  reduce o prezo das entradas individuais tanto se se opta pola entrada xeral como se se escolle aquela con petisco e bebida na Lasso. 

Ademais, as modalidades de abonos flexibles, que tiveron tan boa acollida na última temporada, seguen dispoñibles para aquelas persoas espectadoras que prefiran escoller entre 5 ou 10 concertos entre todos os programados.

As entradas individuais sairán á venda a partir do día 25 de setembro e poderán ser adquiridas (cos descontos habituais para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) en compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (aberto o día de cada concerto dende unha hora antes do seu inicio).