

De outubro a maio, este ciclo para a difusión da música de vangarda dos séculos XX e XXI, fía concertos e actividades interdisciplinares e inclusivas que fomentan a innovación sonora e artística
O Grupo Instrumental Siglo XX con Adriana Aranda, Isabel Dobarro, André Cebrián e Pedro Mateo González, Vertixe Sonora, Trío Zukan, Música Práctica con Abraham Cupeiro, PluralEnsemble baixo a dirección de Fabián Panisello, Nacho Muñoz, Sol Álvarez, Colectivo Galiza Emocional, Marcos PTT, ou o Pulso Ensemble forman parte desta edición
O primeiro dos concertos de ‘Contemporáneas’, con acceso libre previa retirada de convites, será o martes, día 21 de outubro ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia
Contemporáneas é un programa do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio da Deputación da Coruña
Compostela Cultura presenta unha nova edición do ciclo Contemporáneas, un programa de dez propostas, diversas e interdisciplinares que, entre outubro de 2025 e maio de 2026, ofrece unha inmersión na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga.
Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan o público a mergullarse en novas formas de escoita.
Un manancial de sons da man de artistas e formacións de referencia, como Grupo Instrumental Siglo XX con Adriana Aranda, Isabel Dobarro, André Cebrián e Pedro Mateo González, Vertixe Sonora, Trío Zukan, Música Práctica con Abraham Cupeiro, PluralEnsemble baixo a dirección de Fabián Panisello, Nacho Muñoz, Sol Álvarez, Colectivo Galiza Emocional, Marcos PTT, ou o Pulso Ensemble.
De esquerda a dereita, o compositor Fernando Buide, a concelleira Míriam Louzao, o compositor Nacho Muñoz e a artista visual Sol Álvarez
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este venres a nova edición de Contemporáneas nunha rolda de prensa na que estivo acompañada dos compositores Fernando Buide del Real e Nacho Muñoz e da artista visual Sol Álvarez.
A auga, como materia compositiva e como idea, percorre e conecta as obras do programa. Compositoras e compositores de distintos lugares do mundo —xunto a talentos galegos de primeiro nivel— exploran nela o que flúe e o que resiste, o que se evapora e o que permanece, tanto no contido —na súa dimensión simbólica e conceptual— como na forma, –na estrutura mesma da creación musical–.
Nesta edición, o ciclo Contemporáneas presenta nove estreas, das que catro son absolutas e cinco se escoitarán por primeira vez en España, reafirmando o compromiso de Compostela Cultura coa difusión da música contemporánea e co impulso a novas autorías.
Destaca tamén a ampla presenza feminina: preto dunha vintena de compositoras de diferentes xeracións e procedencias participan no programa da edición. O concerto da pianista Isabel Dobarro —candidata aos Premios Grammy Latino polo traballo que agora presenta en Compostela— está integramente dedicado a creacións de mulleres, con nove autoras representadas, entre elas a galega Carme Rodríguez. Tamén o PluralEnsemble, dirixido por Fabián Panisello, pon o foco na obra de Mercedes Zavala, compositora afincada en Galicia e figura de referencia da creación actual.
A diversidade estética e xeográfica destas creadoras dá conta dunha realidade musical cada vez máis plural, aberta e igualitaria, que continúa a transformar o panorama da música contemporánea desde a sensibilidade, a liberdade e a renovación constante.
Desde o borboriñar dun regato ata o eco cósmico dunha constelación, Contemporáneas 2025/2026 propón unha experiencia sensorial e reflexiva que conecta a creación sonora coa natureza e coa conciencia do presente.
Dez encontros que fan da auga un espazo de escoita, creación e diálogo
De outubro a maio, Contemporáneas tece proxectos interdisciplinares e propostas inclusivas que o consolidan como unha das plataformas máis sólidas da música contemporánea no país.
21 de outubro · Grupo Instrumental Siglo XX – Mamá, eu quero ser de auga
O ciclo inicia a súa travesía co Grupo Instrumental Siglo XX, fundado por Florian Vlashi e integrado por solistas da Orquestra Sinfónica de Galicia. A voz de Adriana Aranda conduce un programa que mestura lirismo e experimentación, con obras de George Crumb, Kaija Saariaho, Helena Cánovas e Earl Kim, –catro delas en estrea a nivel estatal– nun diálogo entre o poético e o sonoro no que a auga se converte en metáfora da emoción e da memoria.
26 de novembro · Isabel Dobarro – Kaleidoscope
A pianista compostelá Isabel Dobarro regresa á súa cidade natal cun programa dedicado á creación feminina internacional. Kaleidoscope percorre diferentes xeografías e linguaxes —de Karen Tanaka a Zulema de la Cruz, de Ann Southam á galega Carme Rodríguez— para ofrecer unha visión da auga como forza transformadora, símbolo de beleza e fluidez sonora.
9 de decembro · André Cebrián e Pedro Mateo González – Cartografía do mar
O frautista compostelán André Cebrián e o guitarrista Pedro Mateo González propoñen unha viaxe polos mares da imaxinación con obras de Leo Brouwer, Toru Takemitsu, Alicia Díaz de la Fuente ou Robert Beaser. Un diálogo entre dúas cordas e dous sopros, entre o real e o soñado, que transforma o océano en territorio musical.
13 de xaneiro · Vertixe Sonora – Sementeira para cinco músicos
O conxunto galego Vertixe Sonora, referente internacional da creación contemporánea, ofrece unha das citas máis experimentais do ciclo con catro estreas absolutas, con título aínda por determinar, de Violeta Cruz, Sky Macklay, Tianyu Zou e Po Chien Liu. Un laboratorio de son no que a auga se converte en materia viva e en metáfora da transformación continua.
3 de febreiro · Trío Zukan – URa
A singular formación vasca Trío Zukan —txistu, acordeón microtonal e percusión— presenta URa, un programa comprometido coa reflexión ecolóxica e sonora. As obras de Abel Paúl, Bertrand Chavarría-Aldrete, Juan José Eslava e Zuriñe F. Gerenabarrena poñen en valor o poder creador e destrutor da auga, a súa capacidade para erosionar e renovar.
10 de marzo · Música Práctica e Abraham Cupeiro – Constelacións de auga
Baixo a dirección artística de Fernando Buide, o ensemble Música Práctica convida o multiinstrumentista Abraham Cupeiro a explorar o vínculo entre o líquido e o cósmico. Desde Stockhausen ata Caroline Shaw, pasando pola nova obra de Buide, a música flúe como un río de sons que conecta a terra co ceo, a tradición coa vangarda.
13 de abril · PluralEnsemble e Fabián Panisello – Nieve sobre nieve
O prestixioso PluralEnsemble, dirixido por Fabián Panisello, achega unha das citas máis esperadas do ciclo cun programa que funde virtuosismo instrumental e intensidade emocional. Nieve sobre nieve propón un espazo de calma e introspección no que a auga e o silencio se converten en paisaxe interior.
12 de maio · Nacho Muñoz e Sol Álvarez – Compostela In-Audita
A creación de Nacho Muñoz e Sol Álvarez mergúllanos nas resonancias ocultas da cidade. Compostela In-Audita é unha peza escénica e sonora que transforma os sons da Compostela real —as rúas molladas, o vento, o rumor das pedras— en materia musical. Un convite a escoitar a cidade dende dentro, entre a memoria e o presente.
23 de maio · Colectivo Galiza Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT – Sarela. Caudal Sonoro
O río Sarela convértese en escenario neste paseo sonoro impulsado polo Colectivo Galiza Emocional, con Nacho Muñoz, Sol Álvarez e Marcos PTT. Un percorrido artístico e participativo pola beira do río no que a natureza e a creación contemporánea se entrelazan, facendo da paisaxe un organismo vivo que fala e que escoita.
31 de maio · Pulso Ensemble – Laboratorio Sonoro Inclusivo
O ciclo pecha co Pulso Ensemble e o seu Laboratorio Sonoro Inclusivo, un proxecto que aposta pola accesibilidade e a participación activa. A música convértese aquí nun espazo compartido onde todas as persoas poden ser parte do proceso creativo, reafirmando a idea de que o son —como a auga— pertence a todos.
Entradas e accesos
Os concertos desenvolveranse nas salas Mozart e Ángel Brage do Auditorio de Galicia e o acceso é de balde previa retirada de convites, que estarán dispoñibles dende este venres na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural. Tamén se poderán recoller o día de cada concerto dende unha hora antes do seu inicio no despacho de billetes do Auditorio de Galicia.
A inscrición no paseo Sarela Caudal Sorono, tamén de balde, realizarase a través de formulario na web de Compostela Cultura.
Contemporáneas
Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.