Cartografía do mar: unha travesía sonora da man de André Cebrián e Pedro Mateo González

Obras de Leo Brouwer, Alicia Díaz de la Fuente, Toru Takemitsu, Norma Beecroft, Feliu Gasull e Robert Beaser conforman este programa que se presenta en Compostela no marco do ciclo Contemporáneas
O acceso é de balde previa retirada de convites, dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural


(Foto: eggmotion)

O ciclo Contemporáneas continúa este martes 9 de decembro cun novo concerto na Sala Mozart do no Auditorio de Galicia. O programa Cartografía do mar, concita dous músicos de recoñecido prestiixio na creación contemporánea, o frautista compostelán André Cebrián e o guitarrista Pedro Mateo González,  nunha viaxe sonora polos territorios da auga, desde os grandes ríos míticos ás paisaxes mariñas, pasando polas lendas que agroman arredor deles.

Obras de Leo Brouwer, Alicia Díaz de la Fuente, Toru Takemitsu, Norma Beecroft, Feliu Gasull e Robert Beaser conforman un mapa musical no que tradición e vangarda se entrelazan para convidar o público a navegar entre culturas, tempos e imaxinarios diversos.

O universo de Brouwer abre este percorrido coa Sonata núm. 1 “Mitología de las aguas”, unha suite que transita polos nacementos de ríos protectores, lagos sagrados e criaturas lendarias. O diálogo entre a espiritualidade e a natureza continúa en La tierra, los dioses, el Creador y los brujos de Díaz de la Fuente, para logo mergullarse na poesía sonora de Takemitsu e o seu Toward the Sea, inspirado en Moby-Dick. O programa complétase co lirismo de Tre Pezzi Brevi de Beecroft, a luz mediterránea de El Peixet de Bloomington de Gasull e o sabor popular das Mountain Songs de Beaser.

Nesta travesía musical, a frauta e a guitarra funcionan como dúas correntes complementarias: o sopro e a corda, o aire e a terra. As súas voces entrelázanse nun diálogo que transita entre o real e o soñado, convertendo a auga nun lugar de encontro e reflexión.

O acceso ao concerto é gratuito previa retirada de convites dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural.

Contemporáneas

Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o  Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña.