Vertixe Sonora volve ás Contemporáneas co concerto ‘Sementeira’

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia abre a axenda musical de 2026 este martes cunha proposta de escoita ritual e contemporánea con estreas mundiais de Violeta Cruz, Po Chien Liu e Tianyu Zou
Nesta ocasión, comparten escenario Jacobo Hernández (violín), Pablo Coello (saxofón), Nuno Pinto (guitarra eléctrica), María Mogas (acordeón), David Durán (piano), Diego Ventoso (percusión) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos)
O acceso é de balde previa retirada de convites, dispoñibles na web de Compostela Cultura, na Zona C · Punto de Información Cultural e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia
 

O Auditorio de Galicia acolle o martes, día 13 de xaneiro ás 20.30 horas, o concerto Sementeira do ensemble galego Vertixe Sonora, referente internacional da creación musical contemporánea. Presentarase no marco do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura, anticipando a xira na que o ensemble levará este espectáculo ás cidades de Austin (Texas) e Phoenix (Arizona)  durante a vindeira semana.

Sementeira propón unha experiencia sonora que parte de xestos primarios e cotiáns —deixar caer grans, botar area, salpicar na auga— para activar unha memoria táctil e auditiva ligada á infancia, ao paso do tempo e á relación coa materia. A música constrúese a partir de puntos e fileiras sonoras, coma pingas ou regatos, que nos transportan a un tempo antigo e ritual, onde o familiar convive co descoñecido, o sinxelo co misterioso.

A proposta afonda, a través do son, na tensión entre a fraxilidade e a resiliencia da vida, evocando unha idea de continuidade que nos precede e que permanecerá cando xa non esteamos aquí. Un discurso musical que nos enraiza na terra e subliña a humildade coa que cada partícula mínima forma parte dun todo maior.

O programa inclúe estreas mundiais de Siembra (2026), de Violeta Cruz (Bogotá, 1986); Abschattung for Sextett, de Po Chien Liu (Kaohsiung, Taiwán, 1990); e dúas obras de Tianyu Zou (Guangzhou, China, 1996): Étude SORA (2024) e Étude (2025). Pezas que exploran novas relacións entre instrumentos acústicos e medios electrónicos, ampliando as posibilidades expresivas da música contemporánea.

Sobre o escenario estarán Jacobo Hernández (violín), Pablo Coello (saxofón), Nuno Pinto (guitarra eléctrica), María Mogas (acordeón), David Durán (piano), Diego Ventoso (percusión) e Iván Ferrer-Orozco (medios electrónicos), integrantes de Vertixe Sonora.

O concerto terá unha duración aproximada dunha hora e o acceso é gratuíto, con retirada previa de localidades a través de compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h) e no do propio do Auditorio de Galicia (o día do concerto, a partir das 19.30 h).

Vertixe Sonora

Vertixe Sonora é un colectivo flexible que integra destacados solistas de música contemporánea de Galicia e Portugal e que promove un espazo aberto á reflexión, á discusión e ao intercambio no ámbito da creación sonora actual. Está formado por artistas sonoros e plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e profesionais do teatro e da danza, unidos pola vontade común de desenvolver propostas cunha perspectiva artística global, baseadas na procura da excelencia e nun forte compromiso coa música e cos creadores do noso tempo.

Xorde co obxectivo de impulsar novas producións musicais, manter unha estrutura estable de encargos e dinamizar o panorama sonoro contemporáneo desde o vértice peninsular cunha proxección significativa a nivel internacional. Desde unha conciencia da multiplicidade de enfoques cara ao sonoro, Vertixe Sonora establece un diálogo constante co pensamento, a ciencia, a tecnoloxía e outras prácticas artísticas, desde unha óptica cosmopolita, integradora e transcultural que non renuncia nin ao rigor, nin á transgresión nin ao espírito de vangarda.

Contemporáneas

Dar a coñecer a música de vangarda dos séculos XX e XXI, fomentar a creación de novas composicións e pór a dialogar a innovación sonora coa doutras artes son os obxectivos de Contemporáneas, un programa que o  Concello de Santiago desenvolve a través de Compostela Cultura e grazas ao apoio da Deputación da Coruña. 

Até maio de 2026, o ciclo ofrecerá outras seis propostas, diversas e interdisciplinares, que buscan mergullar o público na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga. Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas —estética, ética, ecolóxica— e convidan as persoas asistentes a se embarcar en novas formas de escoita.

Próximas citas

3 febreiro, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Trío Zukan · Ura

10 marzo, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Música Práctica / Abraham Cupeiro · Constelacións de auga

13 abril, 20.30 h, Auditorio de Galicia | PluralEnsemble / Fabián Panisello · Nieve sobre nieve

12 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia | Nacho Muñoz / Sol Álvarez · Compostela In-audita

23 maio, 11.00 h, Río Sarela | Colectivo Galicia Emocional / Nacho Muñoz / Sol Álvarez / Marcos PTT · Sarela. Caudal sonoro

31 maio, 20.30 h, Auditorio de Galicia |  Pulso Ensemble / Pedro González · Laboratorio Sonoro Inclusivo - Symbiont