O Respira! abre este mércores cunha xornada que afonda nos límites da memoria e celebra a palabra como experiencia compartida

Un café-faladoiro sobre alzheimer, memoria e literatura, a lectura do Manifesto do Día da Poesía por Olga Novo e o recital inaugural con Lupe e Blanco, Carlos Maseda, Andrea Nunes Brións, Simon Ó Faoláin, Elsa Moreno e Cristal Méndez Queizán, marcarán o arranque da novena edición no Teatro Principal

O Festival Alguén que Respira! inicia a súa programación mañá, mércores 18 de marzo, cunha xornada que encarna o espírito desta novena edición, centrada na memoria como territorio poético e vital. Ao longo do día, o Teatro Principal converterase nun espazo de encontro entre pensamento, creación e experiencia compartida arredor da palabra.

A programación abrirase ás 12.00 horas no ambigú do Teatro Principal cunha nova Cita no ambigú, o formato de café-faladoiro que propón conversas abertas en pequeno formato. Nesta ocasión, o divulgador científico Carlos Spuch e Isabel Gey, presidenta de AGADEA, dialogarán arredor de Alzheimer, memoria e literatura, unha proposta que convida a reflexionar sobre os límites da lembranza e os territorios do esquecemento, conectando ciencia, experiencia e creación.

Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas, a palabra tomará o espazo público coa lectura do Manifesto do Día Mundial da Poesía a cargo de Olga Novo desde o balcón do Teatro Principal. Baixo o lema “Agora pecha os ollos e respira”, a autora propón unha chamada á conciencia do presente a través da memoria, nun texto que serve como limiar simbólico do festival.

A continuación, ás 19.15 horas, dará comezo no interior do teatro o recital inaugural Son nove e non van ser dez, precedido por unha acción de tránsito colectivo conducida polos regueifeiros Lupe Blanco e Manolo Maseda, que acompañarán o público desde a rúa ata a sala. O recital reunirá voces diversas da poesía contemporánea, como Andrea Nunes Brións, Simon Ó Faoláin, Elsa Moreno e Cristal Méndez Queizán, nunha sesión que combina oralidade, performance e experimentación.

 

A programación do xoves 19 de marzo abre unha liña de traballo especialmente centrada na memoria histórica e na capacidade da poesía para dialogar co pasado desde o presente. Ás 19.00 horas, o Teatro Principal acolle A telón baixo, unha intervención escénica de Xurxo Ayán no propio interior do escenario, que transforma este espazo nun lugar de exploración simbólica. O historiador e arqueólogo propón un percorrido pola poesía vinculada á guerra de España a través dun coidado despregamento de imaxes, documentos e testemuñas, nunha experiencia que combina investigación, relato e emoción, coa participación da poeta Olga Novo.

Xa ás 20.30 horas, o festival celebra unha nova edición de Poesía para corpo principal, un dos seus formatos máis recoñecibles, que reúne voces destacadas das distintas linguas ibéricas nun recital atravesado pola memoria persoal e colectiva. Pol Guasch regresa ao Respira! cunha proposta marcada pola súa reflexión sobre a memoria familiar e a perda, mentres que Miren Agur Meabe volve poñer en diálogo a súa voz coa do público compostelán. Xunto a eles, Xabier Cordal, Raquel Patriarca e Ana Rosetti completan unha sesión que evidencia a riqueza e diversidade da creación poética contemporánea, convertendo o escenario nun espazo de encontro entre tradición, identidade e experimentación.

Deste xeito, o Respira! pon en marcha unha nova edición que, durante catro días, converterá Compostela nun laboratorio vivo de pensamento poético, no que a memoria se activa non só como tema, senón como experiencia compartida entre artistas e público.

Acceso e información práctica

Todas as actividades son de balde. O acceso aos cafés-faladoiro é libre ata completar capacidade, mentres que para os recitais da tarde é preciso retirar convite previamente a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C ou no do propio Teatro Principal (neste caso, dende unha hora antes do arranque de cada evento e sempre que existan localidades dispoñibles)